O subcomité clínico analiza se modifica algunha das medidas en vigor ou incorpora outras novas

Varias persoas nunha terraza ao aire libre (Foto: M. Dylan / Europa Press).
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, admite que "preocupa" o crecemento de pacientes na hospitalización convencional da Galiza.

O subcomité clínico analizará esta cuarta feira nunha reunión se "modifica algunha das medidas en vigor" actualmente no marco da pandemia pola Covid ou "incorpora algunha nova".

Así o explicou esta terza o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a preguntas dos medios no marco dun acto en Verín. "A reunión será pola mañá -dará comezo ás 13.30 horas-. O que faremos, como habitualmente, será repasar a situación epidemiolóxica, coas últimas novidades, coa constatación dese incremento de casos, e con esa situación contida nos hospitais, sobre todo en UCI", manifestou.

Respecto diso, o titular de Sanidade incidiu no incremento de hospitalizados en unidades convencionais "que hai que ter en conta". E, destacou que tamén se terán en conta as altas epidemiolóxicas, "maiores" as da segunda feira que as desta terza, "e o subcomité fará a súa proposta correspondente".

En concreto, puntualizou que esa proposta a realizará "sobre todo no sentido de se modifica algunha das medidas agora mesmo en vigor ou incorpora algunha nova". "Até a reunión non podemos adiantar nada", sostivo.

Medidas en vigor

Na última reunión do comité clínico acordouse manter unha serie de medidas en vigor até o próximo 18 de xaneiro implantadas desde o pasado 31 de decembro, como a prohibición de reunións de non convivientes entre as 3,00 e as 6,00 da mañá, así como restricións de horario na hostalaría.

Segundo indicou esta segunda feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nesta reunión do subcomité avaliaranse tamén "as altas que se poden producir"  e "probablemente tomar unha decisión a media semana" para que a partir do 18 haxa "un escenario concreto".

Sobre as medidas actuais, o presidente da Xunta afirmou que foron "moi suaves", dado que as actividades económicas "mantivéronse ao 99%". E é que os bares e restaurantes poden abrir até medianoite -até a 1 da madrugada sextas e sábados-, aínda que o lecer nocturno pasou de pechar ás 5 a facelo ás 3 horas.

Pico da sexta vaga

En relación ao pico desta sexta onda, Comesaña insistiu en que a Xunta manexa "esa posibilidade" de estar "perto" de alcanzar o máximo de numero de casos activos. "Pero tamén é certo que traballamos con hipótese que corresponden a variantes non como esta", matizou.

"As nosas previsións seguen apuntando nesta liña de que arredor do 15 ó o 18, quizais un pouco máis tarde esteamos nese pico de casos positivos", reiterou.

Así mesmo, lembrou que, "consecuentemente, hai unha semana posterior para o pico dos casos hospitalizados, polo menos até agora, e unha semana máis para o pico de UCI". "Ben é certo que non estamos a ver ese crecemento na UCI, pero si ese incremento que nos preocupa na hospitalización convencional", concluíu o conselleiro.