O Sergas abre expediente disciplinario a unha doutora por desobedecer o protocolo e "primar" os pacientes

Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Compostela (CHUS) apoia á súa compañeira do servizo de urxencias e representante sindical, e mesmo lanzou unha campaña na plataforma Change.org para que a doutora quede libre do expediente. Aluden a unha "persecución" que vén de lonxe.
A doutora Fátima Nercellas, nunha imaxe da campaña de apoio (Foto: Carmen SP).
photo_camera A doutora Fátima Nercellas, nunha imaxe da campaña de apoio. (Foto: Carmen SP)

A Xunta de Persoal da área sanitaria de Compostela e O Barbanza vén de lanzar unha campaña pública para defender á súa compañeira Fátima Nercellas, unha doutora do servizo de Urxencias do Clínico á que o Sergas lle abriu un expediente disciplinario por caer nunha “suposta falta grave” ao trasladar “un paciente do corredor a Observación”.

A través dun comunicado, o persoal -que engade que a facultativa é tamén representante sindical- denuncia que Nercellas está a “sufrir un atraque patronal” quer como traballadora individual, quer como líder colectiva.

Malia que o expediente actual vén xustificado, desde a Consellaría de Sanidade, por unha suposta irregularidade ao seguir o protocolo de actuación para, segundo o persoal, darlle prioridade ao benestar dos pacientes, indican que a actuación procura “silenciar as súas reiteradas denuncias” e advertencias sobre a realidade da Sanidade Pública na Galiza por ser "incómoda" para os poderes públicos.

A Xunta de Persoal vai máis aló ao opinar que a Administración, a través das autoridades sanitarias, actúa "de forma espuria nun intento de calar a súa voz", cunha "procura clara de faltas, utilizando actualmente como pretexto a falta de adherencia ao protocolo interno e á desobediencia dos seus superiores".

Chamada á sociedade galega

Incide na demanda de que se arquive o expediente a esta facultiva do CHUS, unha petición que mesmo levou á plataforma Change.org onde destacan que Nercellas "sempre actuou buscando o beneficio do paciente e a mellora das condicións laborais".

"Por todo iso, queremos mostrar a nosa indignación e repulsa e solicitar o inmediato arquivo do expediente", subliñan representantes do colectivo nun escrito que acompaña a petición e que está perto de acadar as 5.000 sinaturas que se precisaban inicialmente.

Sobre o proceso, fontes próximas á medica comentaron que xa foi citada a declarar diante dun inspector en Pontevedra, designado pola Administración sanitaria, no marco deste expediente que se iniciou no verán de 2020, pero que estivo en suspensión polas denuncias presentadas pola médica no xulgado.

Agora o percorrido do expediente reactivouse en relación a unha falta grave por trasladar do corredor a Observación a unha doente que levaba agardando máis dunha hora, polo que se lle acusa de "non cumprir as normas básicas de funcionamento interno" ao non deixar a esa persoa no corredor, que considera "zona de paso".

Comentarios