A residencia de maiores de Bembrive (Vigo), xestionada por DomusVi mais de titularidade pública, ten a metade das persoas usuarias contaxiadas da Covid-19.
Segundo afirman a Nós Diario fontes internas, toda a segunda planta do centro estaría actualmente fechada polos casos activos, uns 80 dun total de 150 residentes. Aliás, habería outras 30 á espera de confirmar o positivo.
As mesmas fontes salientan a "preocupación" das familias por mor da escasa información que reciben do Goberno galego, ao que os colectivos Traballadoras de Residencias da Galiza e Vellez Digna acusan de ocultar os datos referidos aos contaxios e pasamentos nos centros de maiores.
A Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE) xa pedira na segunda feira a intervención deste xeriátrico, xunto co centro Raiola de Compostela, por mor da explosión de contaxios.
A residencia compostelá, segundo REDE, ten na actualidade 17 das 37 persoas usuarias contaxiadas.
En ambos os casos, nin as empresas xestoras das residencias nin a propia Xunta terían informado "con suficiencia e transparencia" ás familias das persoas que nelas residen. Tamén critican que estas empresas e a Administración pública "negasen situacións como o feche de visitas".
O presidente do colectivo, Paulino Campos, afirmou que de seguir así "vanse producir mortes". "Por iso pedimos a intervención pública, para garantir a vida ao maior número posíbel de persoas maiores residentes", xustificou.
Unhas residentes que, asegurou Campos, "sufriron un trato funesto durante estes últimos meses nestas dúas residencias".