Os contaxios nos centros de ensino duplican os de hai un ano, mais a Xunta redúceo a unha situación “excepcional”

Varias nenas e nenos, acompañados de familiares, agardan a entrar nun colexio de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Dúas semanas despois do inicio das clases en Infantil e Primaria hai 364 casos activos nos centros educativos, 203 máis que na mesma data no ano 2020. As autoridades sanitarias xa fecharon, cando menos, 17 aulas. As ANPA denuncian as elevadas ratios nas aulas ordenadas pola Xunta, que aumentan a concentración de estudantes por aula e favorecen o contaxio. Denuncian tamén o recorte de profesorado e desdobres.

A situación da Covid-19 na Galiza rexistra unha progresiva melloría e a chegada do outono esta semana estivo marcada por un descenso dos principais indicadores da pandemia. Con todo, os centros educativos contaban esta semana con máis do dobre de casos activos que na mesma data do pasado exercicio, a pesar da vacinación a maiores de 12 anos

O balance facilitado pola Xunta esta semana, 15 días do inicio das clases en Infantil e Primaria, apunta un total de 364 casos activos, é dicir, 203 máis que na mesma data do ano 2020, cando se rexistraron 161 contaxios. Esta situación obrigou as autoridades sanitarias a fechar polo menos 17 aulas nas instalacións educativas.

O caso máis importante dáse no CEIP O Cantel de Foz, cunha trintena de positivos e polo menos catro aulas clausuradas. Os surtos de coronavirus en centros educativos levaron o Comité Clínico que asesora a Xunta da Galiza a situar en nivel medio de restricións este municipio e o do Barco de Valdeorras.

Pese a que vacinación aínda non se aplica nas e nos menores que cursan Infantil e Primaria -está pendente de aprobación-, a Consellaría de Educación non teme unha posíbel escalada nestes grupos de idade e cingue os datos a unha situación "absolutamente excepcional".

"Sabemos que se van producir situacións puntuais de positividade en centros educativos, especialmente vinculadas a menores de 12 anos, mais é absolutamente excepcional", trasladou Manuel Vila, secretario xeral técnico da Consellaría.

Falta de transparencia nos datos

O informe de datos que ofrece a Xunta sobre os contaxios no ensino é semanal. A ese respecto, desde a CIG-Ensino consideran que a Xunta dá un paso máis na ocultación dos datos da Covid-19 nos centros educativos ao decidir que non se proporcionen de terza feira a sábado como no curso pasado senón cun único informe semanal. “O que manteñen é a falta de información sobre grupos afectados: profesorado, alumnado ou resto de persoal dos centros educativos”, denuncian.

Aliás, critican que aínda se careza dun informe pormenorizado sobre os efectos da pandemia no curso pasado, un informe por grupos de idade, por sectores profesionais, por zonas xeográficas, por tipoloxía de centros, por ratios das aulas afectadas… Cuestión esta, sinala o sindicato nacionalista, ao que se comprometeu o conselleiro de Sanidade no Consello Escolar da Galiza de 30 de agosto de 2021 en resposta á intervención da CIG-Ensino.

Así pois, o sindicato exixe o informe pormenorizado do curso pasado e que se publiquen diariamente e sectorializados, por tipo de centro e persoal afectado, os dotos da incidencia da Covid-19 neste curos.

Os centos, “á expectativa”

Os centros atópanse "á expectativa" e temen que os contaxios "empecen a  repuntar nesas franxas de idade". Francisco Lires, da Federación de Directores de Centros Públicos, chamou a manter a prudencia neste primeiro trimestre do curso e mentres non avance a vacinación en menores, tras detectar certa incidencia nos escolares de Infantil e Primaria.

"Está claro que a situación é moito mellor, somos optimistas, pero temos que ser prudentes. Ao non ter vacina, tamén depende da zona na que se atope (o centro), da contorna... e é certo que hai aulas confinadas", matizou, ademais de recoñecer que os menores están "máis controlados polas familias", o que, xunto á experiencia do pasado curso, axudará a frear a transmisibilidade do virus.

As ANPA advirten da elevada ratio que favorece a transmisión do virus

Desde as dúas principais confederacións de ANPA da Galiza advirten, ademais, das consecuencias do excesivo agrupamento e concentración de alumnado que se está realizando nos centros, co número de estudantes por aula elevada ao máximo legal, a redución de desdobres que había no pasado curso e o seu efecto na dotación de efectivos.

Fernando Lacaci, de Anpas Galegas, criticou os problemas derivados de "agrupamentos excesivos" e de centros obrigados a "compartir profesorado", sobre todo no caso de docentes de apoio e de orientación, como pasou co Monte dos Postes e o CEIP Fontiñas, de Santiago, actualmente en campaña de mobilizacións para reclamar unha maior dotación de efectivos.

"Cada día evidénciase máis que a atención á diversidade non é o interese desta Consellaría", sinalou, para considerar que é necesaria "unha normativa moi desagregada que garanta a asistencia" nesta materia ao alumnado con necesidades especiais.

Tamén reiterou a falta de efectividade dos chamados 'grupos burbulla', que rompen cando o alumno sae do centro e interactúa con outros compañeiros ou coñecidos. Neste sentido, apostou por uns protocolos menos fechados e que evolucionen en función do avance da pandemia, do mesmo modo que pasa no resto de sectores da sociedade.

"A caída demográfica está a servir para fechar aulas, liñas e axustar ao máximo os grupos, até 35 alumnos", lamentou Rogelio Carballo, de Confapa-Galiza, para censurar que se apele a "un problema importantísimo" como a natalidade mentres se restan ferramentas de formación aos cidadáns que terán que soster o sistema no futuro.