Caen os contaxios activos na Galiza, mentes soben lixeiramente os ingresos hospitalarios

Varias persoas nunha terraza da Coruña este mes de setembro (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Os contaxios activos rexistrados na Galiza caen até os 1.563, mentres que o número de persoas hospitalizadas crece lixeiramente até as 59.

Os casos activos de Covid-19 na Galiza manteñen a tendencia descendente e caen a 1.563, a pesar de que o número de persoas hospitalizadas crece lixeiramente até as 59 -dúas máis que na xornada anterior-. Mentres, os contaxios detectados a diario mantéñense ao redor de medio cento.

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de  Sanidade este sábado 25 de setembro, con rexistros até as 18 horas de onte, hai 18 persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos -unha máis-, mentres que outras 29 están en planta -unha máis-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria redúcese en tres (Ferrol, Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras e Vigo), mais aumenta lixeiramente nas outras catro (A Coruña-Cee, Lugo-A Mariña-Monforte, Pontevedra-O Salnés e Santiago-Barbanza).

En canto ás que soben, A Coruña contabiliza 17 persoas ingresadas con Covid-19 (+2), das que cinco (sen cambios) están críticas. Séguea a área de Lugo, con 13 persoas hospitalizadas (+1), dúas delas en UCI (tamén sen variacións).

Mentres, a área sanitaria de Santiago-Barbanza contabiliza 12 hospitalizados por coronavirus (+2), aínda que en coidados intensivos seguen sendo tres, e en Pontevedra-O Salnés hai sete (+1), dous deles (+1) en UCI.

No lado oposto, os hospitais da área de Ourense reducen a sete o número de persoas ingresadas (-2), das que catro están en UCI. Na de Vigo descenden a tres (-1), dous deles en UCI; e na área sanitaria de Ferrol xa non hai persoas con coronavirus que requiran de hospitalización.

Casos activos en descenso

Galicia mantén a tendencia descendente de casos activos de Covid-19, que se sitúan en 1.443, o que supón 120 menos que os rexistrados a xornada anterior, ao haber de novo máis altas (175), que novos contaxios (58), aos que se suman dúas novas vítimas mortais.

Así, a Galiza xa conta con menos de 1.500 infeccións activas, a niveis de hai tres meses. A última xornada cunha cifra tan baixa foi o pasado 25 de xuño.

Por áreas sanitarias, as e os pacientes Covid seguen en descenso en todas elas. A Coruña-Cee rexistra, de acordo cos últimos datos, 340 casos activos (-43). Séguea a de Vigo, con 287 (-12), e a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 268 (-28).

Mentres, a área Santiago-Barbanza conta con 208 infeccións activas (-12), Ourense-Verín-O Barco ten 201 (-10), Pontevedra-O Salnés 101 (-7) e a área de Ferrol 38 (-8).

Menos de 100 contaxios diarios

Neste inicio da fin de semana, os contaxios de Covid-19 detectados en un día por todo tipo de probas mantéñense por baixo do cento cun lixeiro incremento a 58, tres máis que os 55 rexistrados na sexta feira.

De todos estes novos casos notificados, 15 corresponden coa área de Ourense-Verín-O Barco, 14 coa de Coruña-Cee e 12 con Lugo-A Mariña-Monforte. Ségueas Santiago-Barbanza con nove e Vigo con oito, mentres que Pontevedra-O Salnés e Ferrol non rexistraron novos contaxios.

Dous novos falecementos

Os contaxios de coronavirus rexistrados en total na Galiza desde o inicio da pandemia suman 182.077 e as persoas falecidas co virus ascenden a 2.628, após Sanidade notificar na sexta feira dúas novas vítimas mortais. Trátase de dúas mortes acontecidas no Hospital de Monforte. Un dos falecidos (na quinta feira) era un home de 92 anos anos, usuario da residencia Domusvi Monforte. O outro ancián que faleceu no mesmo centro hospitalario na sefta feira tiña 93 anos.