O Sergas habilita este sábado 15 puntos de vacinación libre para acudir sen cita ou con autocita

A poboación sen vacinar ten ao seu dispor 15 puntos de inmunización na Galiza aos que acudir sen cita ou con autocita

Sanidade habilita a partir deste sábado 25 de setembro 15 puntos de vacinación libre na Galiza aos que se pode acudir sen cita ou con autocita.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) habilita 15 puntos de vacinación libre nas sete áreas sanitarias galegas para acudir sen cita ou con autocita para recibir a inoculación da dose contra a Covid-19.

Segundo informou a Consellaría de Sanidade, a Xunta da Galiza levará a cabo a vacinación libre contra a Covid-19 entre este sábado, día 25, e a quinta feira 30 de setembro.

En concreto, na área de Vigo a partir deste sábado a poboación que estea sen vacinar poderá facelo sen cita no Hospital Álvaro Cunqueiro en horario de 9 a 21 horas. De modo simultáneo, mantén tamén o modelo de autocita.

Pola súa banda, para vacinación libre a área compostelá habilita os hospitais Clínico en Santiago e o do Barbanza en Ribeira de 9 a 21 horas desde este sábado á quinta feira con autocita.

Na área sanitaria da Coruña e Cee estarán habilitados para vacinación libre, segundo indica Sanidade, o Instituto Feiral da Coruña (Ifeco) este sábado de 9 a 21 horas; e o Hospital de Oza a partir do domingo. A estes espazos súmase desde o día 25 o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.

Na área sanitaria de Ferrol de 25 a 30 de setembro haberá dispoñíbel para vacinación libre o Centro de Especialidades do Hospital Arquitecto Marcide -primeiro andar-.

Na de Pontevedra e O Salnés de 25 a 30 de setembro pódese acudir a vacinarse sen cita no Recinto Feiral da cidade do Lérez e en Fexdega en Vilagarcía de Arousa.

Na área de Lugo a vacinación libre estará dispoñíbel de sábado á quinta feura no Hospital Universitario Lucus Augusti -cuarto andar- e o día 25 no IES Río Cabe e de 26 a 30 no Hospital Público de Monforte de Lemos.

Aliás, a área ourensá facilitará a vacinación libre contra a Covid-19 de 25 a 30 de setembro na aula Cabaleiro Goás do Hospital Universitario de Ourense; así como nos centros hospitalarios públicos de Verín e O Barco.