Constitúese a comisión para avaliar as competencias da Xunta e Fegamp

Primeira reunión de representantes da Xunta e da Fegamp (Foto: Conchi Paz /Xunta).
As Administracións públicas nacional e local deron esta segunda feira os primeiros pasos para estudar as diferenzas competenciais que teñen e que fixeron públicas a través de  estudos propios.  

A Xunta da Galiza e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) constituíron onte a comisión técnica que avaliará os estudos de ambas as dúas entidades co obxectivo de clarificar as competencias da administración nacional e da local.

Nesta xornada decorreu a primeira das reunións deste grupo de traballo e nela marcáronse as actuacións que se seguirán, segundo informou a Xunta nun comunicado. 

A función desta comisión técnica será contrastar as conclusións de ambas as dúas propostas e, desta maneira, chegar a acordos, sobre todo nos ámbitos en que se detecta maior dificultade para clarificar as competencias e nos que, ao cabo, hai grandes discrepancias entre ambas as administracións.

Entre os ámbitos a traballar figuran os servizos sociais, o mantemento dos centros de saúde e a atención ás emerxencias. 

Diferenzas competenciais

En decembro pasado, por parte da Xunta,  presentouse o Estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración Local da Galiza, elaborado no marco dun acordo coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O Goberno galego aposta nel pola "importancia de avanzar e de dar pasos para chegar ao máximo acordo posible na maioría dos ámbitos".

Trátase, en primeiro lugar, de valorar as competencias que debe asumir cada administración -Xunta, Goberno español, deputacións e entidades locais-  e de forma "rigorosa avaliar se cada unha está a asumir os seus compromisos, así como cuantificar o custo da prestación de cada servizo e os recursos dispoñíbeis, tendo en conta a dispersión, como un das claves no custo de servizos". 

Pola súa parte, a Fegamp realizou tamén o seu propio estudo. Nel sinálase como conclusión que os concellos galegos asumen anualmente un déficit total de 624 millóns de euros pola prestación de servizos que, ou ben son compartidos polos municipios e a Xunta,  ou son competencia exclusiva, no seu caso, da Administración galega.