Como paliar o despoboamento do rural galego? Diferentes entidades responden esta pregunta apuntando algunhas das chaves, como fomentar a vivenda social e o emprego.
O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, incide na necesidade de impulsar estratexias baseadas na "dinamización económica" destes núcleos. "É indispensábel mellorar o sistema de financiamento e incluír os factores de dispersión e envellecemento da poboación", sostén.
Neste senso, incide na importancia de "garantir servizos de calidade e dotar de boas infraestruturas os concellos", así como "despregar as novas tecnoloxías e ofrecer perspectivas de empregabilidade". Varela solicita a "colaboración" dos concellos e a da Xunta, xa que, ao seu entender, o repoboamento debe ser planificado arredor dun proxecto "pensado e ordenado".
Xurxo Álvarez, da Federación Rural Galega (Fruga), sostén que para que estes municipios "vivan" deben promoverse actuacións vinculadas ás actividades agrarias, gandeiras e forestais. "Para manter as explotacións e asegurar a súa continuidade", sinala, en relación ao cambio xeracional. "As políticas da Xunta con respecto ao rural son de pura propaganda, e o exemplo máis claro son as "Aldeas Modelo", que na práctica só serven para limpar as leiras e aplicar a lei de incendios forestais", argumenta, e salienta as prácticas "lesivas" do Goberno galego co rural, como a "eucaliptización" e a "praga dos eólicos".
A Veiga, concello modelo
Juan Anta, concello da Veiga (premiado pola Xunta polo impulso á demografía), explica que hai seis anos iniciou un proxecto transversal, desde a rehabilitación de vivendas en réxime de alugueiro ao pagamento da cota de autónomas no primeiro ano. Aliás, salienta o auxe do "turismo sustentábel" e a creación dunha marca propia para produtos como o mel ou a faba.
Terras abandonadas
Pola súa banda, desde a Consellaría de Medio Rural apuntan a medidas como a Lei de recuperación de terras, "para polas en valor e devolvelas á produción, coa consecuente xeración de riqueza".
Así mesmo, aluden á incorporación de mozas á actividade agraria con axudas para menores de 41 anos, que cifran en "3.800" na última década. Tamén insisten na necesidade de ofrecer "boas infraestruturas e servizos de calidade".