Convocan unha concentración en Vigo pola autodeterminación do Sáhara

Manifestación en defensa da autodeterminación do Sáhara en Madrid, no ano 2020 (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
Solidariedade Galega co Pobo Saharaui chama á mobilización esta sexta feira baixo o lema "Non no meu nome. O Sáhara non se vende, o Sáhara decide".

O colectivo Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) vén de convocar unha concentración para esta sexta feira, 25 de marzo, para defender a autodeterminación do Sáhara Occidental.

O acto decorrerá contra as 20.30 horas fronte ao museo Marco de Vigo, baixo o lema "Non no meu nome. O Sáhara non se vende, o Sáhara decide".

Esta será a primeira mobilización en territorio galego desde que a pasada semana o Goberno español anunciase unha radical mudanza na súa postura a respecto do conflito entre Marrocos e o Sáhara Occidental.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, trasladou ao rei marroquí, Mohamed VI, o seu apoio ao "plan de autonomía" para o Sáhara como "a base máis seria e realista para a resolución" das disputas.

Esta proposta, presentada por Marrocos en 2007, deixa o Sáhara Occidental baixo total soberanía marroquí, a excepción dalgunhas pequenas competencias que quedarían cedidas á Fronte Polisario, que actualmente rexe a autoproclamada República Árabe Saharaui Democrática, os territorios que segue sen controlar o Exército marroquí.

Segundo o presidente español, Marrocos realizou "esforzos serios e críbeis, no marco de Nacións Unidas (ONU) para atopar unha solución mutuamente aceptábel".

A portavoz de Sogaps, Maite Isla, sinalou recentemente en conversa con Nós Diario que non entende a posición de Sánchez "no momento de crises abertas que estamos a vivir".

Aliás, afirmou que a carta do presidente do Goberno español ao rei Mohamed VI chega no "peor momento posíbel", e que o "desafortunado" do cambio de postura pode causar aínda máis problemas ao Estado español dos que o Executivo "pensa que está a solucionar".