Concellos galegos dispoñen 900 vivendas para acoller refuxiadas ucraínas

A fronteira de Medyka, en Polonia, é unha das máis transitadas polas refuxiadas ucraínas que intentan entrar na Unión Europea (Foto: Attila Husejnow / SOPA Images).
Aliás, a Xunta habilita dúas liñas de axuda ao pobo ucraíno e pide que as doazóns ás ONG se fagan "en efectivo".

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, informou de que os concellos galegos xa puxeron a disposición da Xunta e do Goberno estatal perto de 900 vivendas para acoller a refuxiados ucraínos.

Así o expresou logo dunha reunión de coordinación con Xunta e ONG que se celebrou esta segunda feira. O representante dos concellos galegos asegurou que cada día chegan máis ofertas de numerosas localidades, mentres explicou que a esas vivendas teñen previsto sumarlles pavillóns e outros recintos provisionais onde tamén se podería acoller persoas.b Por outra parte, Varela indicou que tamén reciben chamadas de particulares dispostos a colaborar na acollida de persoas refuxiadas.

Sobre isto, o presidente da Fegamp dixo que é un tema "moi delicado" porque se trata de persoas "de vulnerabilidade". Por iso, insistiu en que as administracións e organizacións teñen que estar "extremadamente coordinadas" para achegarlles as "mellores garantías" aos refuxiados que cheguen a Galicia.

Achegas "en efectivo" ás ONG

Aliás, a Xunta fixo un chamamento á cidadanía para que as achegas monetarias a Ucraína se realicen en efectivo, tal e como llo solicitaron as ONG que traballan sobre o terreo. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, agradeceu o exercicio de "solidariedade" que demostrou a cidadanía galega, mais pediu que as achegas se fagan en efectivo porque as ONG atopan problemas de "loxística" e de "distribución", así como dificultades pola calidade dos produtos.

Así llo demandaron entidades como o Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade ou a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, coas que mantivo un encontro esta segunda feira Compostela para tratar de dar unha resposta "coordinada e compartida" á crise humanitaria que se vive en Ucraína.

Xunto a outras institucións como a Fegamp, crearon unha comisión de seguimento que aprobará a constitución dun grupo de traballo "permanente", mentres dure a crise humanitaria, que será coordinado pola Xunta en colaboración co resto de entidades participantes nesta reunión. Gamallo explicou que o obxectivo é "intercambiar información" coas ONG que están no terreo e, a partir de aí, colaborar na solución das problemáticas que xurdan en cada momento.

Liñas de axuda

Noutra orde, Jesús Gamallo anunciou que a Xunta xa ten activadas dúas liñas para axudar ao pobo ucraíno. A primeira, a través de convenios con Farmamundi ou Unicef para enviar axuda a estas entidades e que acheguen, desde o terreo, "a súa experiencia". Neste caso, Gamallo avanzou que a Administración galega xa aprobou unha doazón de 10.000 euros a Farmamundi para o envío de medicamentos.

A segunda liña de colaboración na que traballa a Xunta realízase a través dun convenio entre as administracións territoriais e o Goberno estatal para enviar diñeiro a Cruz Vermella en Polonia, Romanía e Moldavia, os países que acollen un maior número de persoas refuxiadas.

Ademais, o director xeral trasladou que "nos próximos días" sairá unha convocatoria pública de acción humanitaria por valor de 400.000 euros, a través da cal as ONG poderán presentar proxectos relacionados coa axuda á cidadanía ucraína.