A guerra en Ucraína, en directo, este 7 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína.
Carro de combate ucraíno nas aforas de Irpin, cidade próxima a Kiev, onde as forzas rusas levaron a cabo bombardeos durante o domingo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carro de combate ucraíno nas aforas de Irpin, cidade próxima a Kiev, onde as forzas rusas levaron a cabo bombardeos durante o domingo. (Foto: Europa Press)

🔴 [EN DIRECTO]

22.00 | Alto o fogo a partir das 10 horas da terza feira

Segundo informan Russia Today e Agence France-Presse, o Goberno da Federación Rusa vén de decretar un novo alto o fogo a partir das 10 horas desta terza feira [hora de Moscova] para permitir a evacuación de civís a través dos corredores humanitarios en Kiev, Kharkiv, Mariupol, Chernigov e Sumy.

20.35 | Conclúe con "pequenos avances" a terceira rolda de negociacións entre Ucraína e Rusia

Ambos os países acúsanse mutuamente de impedir a evacuación de persoas a través dos corredores humanitarios e emprázanse a unha nova reunión para seguir a abordar este tema. Rusia trasladou unha serie de propostas que agora Ucraína "estudará" nos vindeiros días.

19.30 | Rusia di que as negociacións "non cumpren as expectativas

Segundo vén de reportar a Agence France-Presse (AFP), os representantes diplomáticos da Federación Rusa adiantaron que a nova rolda de negociacións que están a decorrer nestes intres con Ucraína "non está á altura das expectativas".

18.50 | A UE exixe a Putin liberar aos detidos nas protestas contra a guerra

A presidenta do Parlamento europeo, Roberta Metsola, recoñeceu esta segunda feira o "valor" das e dos cidadáns rusos que están a saír ás rúas para protestar contra a invasión de Ucraína, ao tempo que pediu, dando lectura a unha declaración institucional, a "inmediata" posta en liberdade dos milleiros de manifestantes detidos.

Segundo Metsola, só este domingo foron detidas perto de 4.500 persoas en Rusia, o que elevaría a cifra total a "cando menos, 13.000" desde que hai unha semana principiaron as protestas en máis de 140 cidades do país. "Putin vaise decatar de que a verdade non se pode reprimir facilmente", afirmou.

18.00 | Ucraína afirma que Rusia non avanzou "en ningunha fronte" nas últimas horas

O asesor da Presidencia de Ucraína, Oleksiy Arestovich, asegurou esta segunda feira que Rusia "non rexistrou avances en ningunha liña da fronte" durante as últimas 24 horas, mentres as forzas ucraínas terían liberado "algunhas zonas da rexión de Kharkiv previamente ocupadas polos rusos".

16.30 | Concellos galegos dispoñen 900 vivendas para acoller refuxiadas ucraínas

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, informou de que os concellos galegos xa puxeron a disposición da Xunta e do Goberno estatal perto de 900 vivendas para acoller a refuxiados ucraínos. Aliás, a Xunta habilita dúas liñas de axuda ao pobo ucraíno e pide que as doazóns ás ONG se fagan "en efectivo".

16.00 | Comeza a terceira rolda de negociacións

Representantes dos gobernos ruso e ucraíno comezaron hai escasos minutos a terceira rolda de negociacións desde que principou o pasado 24 de febreiro a invasión rusa de Ucraína. O Kremlin reitera que as súas demandas son o recoñecemento de Crimea como rusa, a independencia de Donetsk e Lugansk e a "neutralidade" de Ucraína no taboleiro da xeopolítica. Aliás, rusos e ucraínos cruzan acusacións sobre os infrutuosos corredores humanitarios.

15.30 | Rusia promete unha retirada inmediata se Kiev acepta as condicións do Kremlin

O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, asegurou esta segunda feira que o Goberno ruso retirará as tropas de Ucraína e porá fin á guerra de inmediato se Kiev acepta as catro condicións impostas por Vladímir Putin. "Aos ucraínos díxoselles que todo isto podería deterse nun momento", afirmou Peskov.

13.31 | Cruz Vermella afirma que o corredor humanitario da cidade de Mariupol "está minado"

O director de operacións do Comité Central de Cruz Vermella afirmou nunha conversa en Radio 4 da BBC que o corredor humanitario estabelecido polo exército rusto para evacuar civís na zona de Mariupol está minado. Polo de agora non está confirmado se as minas son rusas ou ucraínas.

12.22 | O alcalde de Kiev asegura que están a producirse "intensos combates" ás aforas da cidade

O rexedor da capital de Ucraína, Vitali Klichko, alertou na súa conta de Telegram de que "están a producirse intensos combates ás aforas de Kiev". En concreto, durante os últimos dous días o exército ruso está a bombardear as cidades de Hostomel, Bucha Vorzel e Irpin. Klichko tamén acusa Rusia de "matar cívis con extrema violencia".

11.16 | Unha semana de cautiverio para o xornalista Pablo González​

O xornalista Pablo González, que estaba a actuar como correspondente para diversos medios españois na fronteira entre Polonia e Ucraína, foi detido o pasado 28 de febreiro polas autoridades polacas. Após sete días detido e cunha acusación formal de actuar como espía para o Goberno ruso, as autoridades españolas manteñen o silencio sobre que actuacións están a levarse a cabo para facilitar a súa saída do cárcere.

10.14 | O prezo do petróleo en Europa achégase ao maior valor desde o comezo da crise de 2008

O prezo do barril de Brent, que se emprega como referencia en Europa para medir as flutuacións do valor do petróleo e do crú, alcanzou nas últimas horas os 140 dólares. Isto sitúa o seu prezo cerca do máximo histórico desde o comezo da crise económica de 2008. As ameazas de Estados Unidos de impor novas restricións que afecten á venda destes barriles con procedencia rusa fixeron crecer o prezo en 20%.

Ao tempo, segundo o New York Times e o Wall Street Journal, unha delegación do Goberno estadounidense reuniuse con homólogos venezolanos para estudar que o petróleo do país suramericano poida volver a formar parte dos mercados internacionais, coa intención de evitar que a imposición de novas sancións a Rusia neste ámbito supoñan un problema para a sustentabilidade enerxética en Europa.

09.22 | O Goberno ruso anuncia o estabelecemento de corredoiros humanitarios nas principais cidades de Ucraína

O Goberno de Rusia anunciou que cesará os bombardeos nos corredoiros humanitarios durante esta segunda feira para que a poboación de cidades como Mariupol, Kharkiv ou Sumi poida saír cara a Rusia. Con esta é a terceira vez que as autoridades rusas anuncian o estabelecemento de corredoiros humanitarios, sen que ningunha das outras veces fosen respectados polo exército ruso, segundo denunciaron medios internacionais coa difusión de imaxes de bombardeos nestes puntos durante toda a fin de semana, que deixaron decenas de falecidos civís.

08.37 | O Ministerio de Defensa de Reino Unido acusa Rusia de bombardear infraestruturas ucraínas de comunicación

O Ministerio de Defensa do Reino Unido vén de acusar o exército ruso de bombardear infraestruturas ucraínas de comunicación coa intención de "reducir o acceso á información fiábel" por parte da poboación. A semana pasada, soldados rusos bombardearon a torre de televisión da capital ucraína, Kiev. Algo que se repetiu durante a fin de semana na segunda cidade do país, Kharkiv.

07.54 | Delegacións rusas e ucraínas teñen previsto reunirse hoxe por terceira vez para negociar

O sábado, delegacións de negociadores rusas e ucraínas teñen previsto reunirse ao longo do día de hoxe no territorio de Bielorrusia para estabelecer a terceira quenda de negociacións entre os Gobernos de ambos países. Esta nova xornada de diálogo, pendente de confirmación, chega após as denuncias da comunidade internacional e de Ucraína da vulneración do alto o fogo por parte do exército ruso nas zonas dos corredoiros humanitarios estabelecidos na segunda xornada de negociación.

 

Comentarios