Preséntase en Compostela o Protocolo para a resolución de conflitos territoriais na UE

De esquerda a dereita: Xosé Manuel Carril, Mario Zuviaga, Beatriz Akizu e Jaume López na presentación do documento. (Foto: Nós Diario)
Na elaboración do documento participaron máis de 50 persoas do mundo académico de diferentes universidades e institucións de investigación.

A Fundación Galiza Sempre e a Coppieters Foundation de ámbito europeo veñen de presentar en Compostela as Bases para a resolución de conflitos territoriais de soberanía no marco europeo, un documento colectivo no que participaron máis de 50 persoas do mundo académico de diferentes universidades e institucións de investigación, promovido polo Institut d’Estudis Catalans e a Eusko Ikaskuntza e no cal colaborou a fundación galega.

Protocolo de actuación

O documento, presentado este sábado no marco da xornada Conflitos Territoriais de Soberanía en Europa organizada por ambas as dúas fundacións coa colaboración académica de Eusko Ikaskutza. 

Pretende converterse nun "protocolo de actuación para asentar unhas bases (que poidan ser debatidas e asumidas polo maior número de institucións posíbeis) co obxectivo de iniciar un debate no seo das institucións europeas e doutras institucións internacionais como a ONU sobre a necesidade de dar unha resposta democrática aos conflitos territoriais de soberanía". indican desde a fundación Galiza Sempre.

O encontro reuniu na capital galega destacadas voces internacionais do ámbito institucional e social, entre elas, a responsábel de relacións internacionais para Europa do Sinn Féin, Martina Anderson; a portavoz de Mulleres pola Independencia de Escocia, Maggie Lennon, ou os académico e especialista en dereito internacional, Jaume López, e o profesor vasco Mario Zubiaga

Resolución de conflitos territoriais

Segundo salientou o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, a xornada permitiu así abordar analizando “como se poden resolver os conflitos territoriais de soberanía dende unha óptica democrática e pacífica no momento actual”.

A xornada incorporou tamén a óptica do traballo desenvolvido polas formacións políticas no ámbito institucional e, neste sentido, considerou “un luxo” poder contar con representantes de ERC ou Euskal Herria Bildu.