Reino Unido quere redefinir o protocolo de Irlanda do Norte

Boris Johnson visitou Belfast para citarse cos partidos norirlandeses ao respecto da súa proposta para redifinir o protocolo de Irlanda do Norte.
Cidadanía norteirlandesa protestou esta segunda feira contra Boris Johnson. (Foto: Liam Mcburney / PA Wire / dpa)
photo_camera Cidadanía norteirlandesa protestou esta segunda feira contra Boris Johnson. (Foto: Liam Mcburney / PA Wire / dpa)

O primeiro ministro do Reino Unido (RU), Boris Johnson, defendeu esta segunda feira que a súa intención non é a de "desbotar" o protocolo de Irlanda do Norte incluído no acordo de saída da Unión Europea (UE).

O mandatario do RU destacou que cre na posibilidade de lograr un pacto "sensato" nas conversacións con Bruxelas que permita "introducir cambios" sobre o funcionamento do mesmo.

Johnson, nunha visita á capital de Irlanda do Norte, insistiu en que o Reino Unido "xogará o seu papel para garantir a paz política e a democracia", mais recalcou a importancia de que as partes "senten á mesa para restaurar a repartición de poder".

A visita a Belfast do primeiro ministro para dialogar cos principais partidos de Irlanda do Norte tivo lugar un día despois de que o seu Goberno anunciase unha lexislación que permitiría a Londres deixar de lado partes do protocolo, algo criticado en Bruxelas e que podería provocar un conflito comercial coa UE.

"O protocolo acordouse de boa fe. E é por iso que aqueles que queren desbotalo, no canto de facer modificacións, están a centrarse en cuestións erróneas", aseverou o primeiro ministro do RU.

Así mesmo, defendeu que existen puntos "sensatos" sobre os cales "están protexidos os intereses de todas as partes". "O obxectivo común debe ser crear o maior apoio intercomunitario posíbel para un protocolo reformado en 2024", insistiu Johnson.

O protocolo prevé unha serie de salvagardas e controis no paso de mercadorías desde Irlanda do Norte para evitar graves distorsións no mercado único, no que se mantén o territorio norteirlandés.

O ministro de Asuntos Exteriores de Irlanda, Simon Coveney, asegurou que a UE quere manter o diálogo sobre a aplicación do protocolo, mais deixou claro que renegociar o acordo non é unha opción, e avisou o Reino Unido de que a rotura unilateral só "causará problemas".

Comentarios