Comezan na cuarta feira os traballos para desmontar parte do viaduto da A-6 afectado polo colapso

Apuntan a "unha acumulación de fallos" como causa do sinistro na ponte da A-6. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
O Goberno español asegura que as investigacións para descubrir as causas do sinistro "avanzan a bo ritmo".

*Noticia actualizada ás 13.42 horas

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) inicia esta cuarta feira os traballos para desmontar parte do viaduto do Castro da autovía A-6, após o colapso do tramo de dous tramos da infraestrutura o pasado mes de xuño.

Segundo informou o Goberno español, os traballos desenvolveranse "priorizando a máxima seguridade dos operarios, polo que os medios auxiliares necesarios para desmontar o tramo posicionaranse fóra dos viadutos". Así, engade, utilizaranse medios mecánicos operados de forma remota.

Unha vez realizada esta primeira fase, procederase a desmontar os piares e a retirar os restos de toda a estrutura colapsada, de acordo cos procedementos vixentes de xestión de residuos.

Sobre as actuacións xa en marcha, o Mitma indicou que polo de agora xa se puxo en funcionamento un novo desvío "que permitiu mellorar considerabelmente os tempos dos vehículos ao circular pola zona afectada".

"Continúase traballando en habilitar un itinerario alternativo á travesía de Pedrafita do Cebreiro para o paso de vehículos de mercadorías especiais para este outono".

Aliás, o pasado 2 de agosto púxose en marcha a medida pola cal os vehículos de dimensións superiores aos 26 metros de lonxitude e tres metros de ancho poderán utilizar a AP-53, en sentido Alto de Santo Domingo-Santiago, e a AP-9 no tramo Santiago-Ferrol, entre as 22 e as  horas, sen abonar as correspondentes peaxes.

Obras de reparación

O Ministerio explica que os viadutos estaban a ser obxecto de obras de reparación, iniciadas o pasado mes de outubro de 2021, a través dunha declaración de emerxencia. Concretamente, a calzada sentido A Coruña estaba pechada á circulación e o tráfico estaba a ser desviado pola calzada sentido Madrid.

Tras producirse o colapso, indica que se pechou "inmediatamente, por precaución, a calzada sentido Madrid e o tráfico desviouse pola N-6". "Desde entón estase traballando, a nivel técnico, para coñecer as causas do colapso e poder executar unha solución que restitúa o tráfico canto antes".

En canto aos traballos de investigación para determinar as causas do sinistro, apunta que "avanzan a bo ritmo, contando cun equipo multidisciplinar de máis de 60 persoas no que están involucradas 10 empresas de enxeñaría e construción de primeiro nivel".