PP e BNG critican a solución do Ministerio para a A-6

A proposta de solución provisional para a A-6,do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana recibiu críticas por parte do BNG e PP. Só amosaron o seu apoio responsábeis institucionais socialistas.
Vista xeral da ponte caída na A-6. (Foto: Alberto Vázquez / Europa Press)
photo_camera Vista xeral da ponte na A-6 (Foto: Alberto Vázquez / Europa Press). 16/6/2022

A solución provisional para a A-6, anunciada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, recibiu onte críticas por parte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do BNG. Só amosaron o seu apoio, e expresaron o seu desacordo con esa opinión, responsábeis institucionais socialistas.

Para o presidente Alfonso Rueda a proposta do Executivo estatal de habilitar máis quilómetros de tránsito en dobre carril por sentido (dirección Madrid e A Coruña) pola autovía é "realmente decepcionante" e considera que para recuperar o tráfico do tramo do viaduto da A-6 que se derrubou "calquera dos tres proxectos presentados pola Xunta tiña máis viabilidade".

Na mesma liña pronunciouse a secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, quen sinalou que as alternativas achegadas son "insuficientes" e non se dá solución "ao transporte pesado". 

O BNG ve "insuficientes" as medidas do Ministerio

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "insuficientes" as medidas anunciadas polo Goberno español para A-6 e volveu exixir que se depuren responsabilidades. A líder nacionalista cre que o Executivo reaccionou "tarde, mal e con opacidade" polo que "seguimos sen coñecer cales son as causas e sen un cronograma claro" de cando se podería producir a reapertura da ponte.

Ademais, considerou que as medidas que se anunciaron "son insuficientes" botando en falta "unha resposta máis rápida, saber que paso e que responsabilidades hai detrás". Por último, cualificou tamén de "inaudito" que poida caer unha ponte "que levaba construída 20 anos" insistindo en que "algunha responsabilidade ten que haber". 

A Delegación do Goberno defende a proposta

Pola contra, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, defenderon a actuación do Ministerio ao tempo que rexeitaban as críticas.

Para Minóns, "politizar" o derrubamento do viaduto na A-6 "non leva a ningún lado" e cre  que "o importante" é que o Goberno español puxese encima da mesa "unha solución que vai reducir de 11 a catro quilómetros o desvío". 

José Tomé, polo seu lado, afeou á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que "cuestione todo o que expón o Ministerio". 

Comentarios