Que agocha o Goberno do Estado sobre as causas da caída da ponte da A-6?

A visita na sexta feira da ministra de Infraestruturas, Raquel Sánchez, ao tramo caído da A-6 veu confirmar que a recuperación do tráfico nesta vía vai para longo e que o Estado paraliza as investigacións sobre as causas do sinistro. Porén, cada día son maiores as dúbidas sobre o acontecido neste treito da Autovía do Noroeste e da conivencia do Executivo coas empresas que ergueron o viaduto.

Os dous tramos da A-6 derrubados. (Foto: ruben@arroxo).
photo_camera Os dous tramos da A-6 derrubados. (Foto: ruben@arroxo).

A historia do tramo da A-6 que discorre de Castro Lamas, no concello berciano de Veiga de Valcarce; a Noceda, no concello galego de Pedrafita do Cebreiro arranca de 1997. O 26 de xuño dese ano, o Boletín Oficial do Estado (BOE) recolleu a adxudicación polo Goberno de José María Aznar do treito da “Autovía do Noroeste na CN-VI de Madrid á Coruña, puntos quilométricos 428 a 438. Tramo Castro Lamas Noceda”.

Unha baixa de 25% na adxudicación

A obra foi adxudicada a unha unión temporal de empresas (UTE)  conformada por “Fomento de Construcciones y Contratas, Sociedad Anónima (FCC)”, “OCP Construcciones, Sociedad Anónima” e “FCC Construcción, Sociedad Anónima” cunha rebaixa sobre o prezo inicial de, practicamente, 25%. A construción liderada por FCC ascendeu a 15.253.581.695 pesetas, sendo un dos tramos máis caros de toda a A-6, cuxos treitos foron maioritariamente adxudicados as grandes empresas madrileñas da obra civil como ACS, Sacyr, Acciona ou FCC.

O traxecto, de arredor de 10 quilómetros, obrigou a furar dous túneles que no seu conxunto sumaron practicamente 1.000 metros lineais e a erguer cinco viadutos para salvar os desniveis dos terreos de entrada á Galiza administrativa, sendo considerado como un dos treitos máis complexos tecnicamente da A-6. Tanto é así, que no ano 2002 recibiu o prestixioso Premio Internacional Puente Alcántara.

As relacións de FCC co PP e co rei emérito

A empresa adxudicataria da obra atopábase naquela altura cun grande volume de negocio. A compañía dirixida por Esther Koplowitz, -persoa do círculo íntimo do rei emérito- e presidida José Mayor Oreja -irmán de Jaime Mayor Oreja, ministro de Interior de Aznar e candidato do PP vasco- destacaba pola súa boa relación co Partido Popular e cos poderes do Estado.

FCC é unha compañía que apareceu en diversas ocasións relacionada coas tramas de financiamento irregular do PP. Sen ir máis lonxe, José Mayor Oreja  apareceu citado en diversos apuntamentos nos papeis de Luis Bárcenas recoñeceu diante do xuíz da Audiencia Nacional, Pablo Ruz, ter realizado diversas doazóns ao Partido Popular.

A empresa construtora foi sinalada tamén na contabilidade 'B' do PP galego. Segundo un informe elaborado en 2006 polo xerente do PP na Galiza, Modesto Fernández, FCC achegou á caixa dos populares galegos 108.000 euros, probabelmente para sufragar a campaña das eleccións galegas de 2005.

Os problemas construtivos

O ano pasado o Ministerio de Infraestruturas detectou problemas no viaduto do Castro, ordenou o seu feche e adxudicou pola vía de urxencia os traballos de reparación. Malia que este tipo de obras están pensadas para unha vida útil de 100 anos, a Dirección Xeral de Estradas detectou nunha supervisión corrosión dos cables de aceiro empregados na construción do viaduto.

Os técnicos consultados por Nós Diario sinalan que “non é normal que en viadutos tan novos e concretamente nos cables de aceiro prensados aparezan estes problemas porque adoitan ir moi protexidos e extrémanse as medidas de vixilancia para evitar a corrosión”. Na mesma liña, significan que “por un único fallo non se produce un sinistro desta magnitude, sendo o motivo máis normal unha acumulación de fallos”.

As versións máis estendidas nos últimos días entre o persoal do Ministerio de Infraestruturas apuntan a erros na construción como motivo da caída do viaduto. Neste sentido, poñen como posíbeis causas do accidente ao proxecto, aos seus modificados, á construción e aos materiais empregados nesta”.

O Goberno do Estado aínda non se puxo en contacto con FCC malia os indicios que apuntan a posíbeis erros na construción como consecuencia do sinistro. Preguntada Raquel Sánchez por este suposto recoñeceu que non se puxera aínda en contacto coa empresa construtora da obra pero que  pensaban facelo nas semanas vindeiras co obxectivo de aclarar as causas da caída da ponte

Comentarios