O sindicato vén de remitir un escrito á consellaría e ás empresas que prestan servizo a este tipo de instalacións, para alertar desta situación e solicitar medidas para paliar estes déficits.
Após un seguimento realizado nos centros, a central nacionalista conclúe que "non se dispón do material básico preventivo suficiente, non hai acceso á información e formación precisas e incluso nalgúns se carece de protocolos básicos de actuación ante a pandemia da COVID-19, nunha situación de preocupante falta de organización e de medidas de seguridade totalmente inxustificábel".
As propostas da CIG pasan pola realización de inspeccións urxentes e vixilancias periódicas de todos os centros de atención á discapacidade e a menores, a aplicación de protocolos específicos na protección e prevención nestes sectores, coa correspondente información e formación de todo o persoal, e unha dotación suficiente e precisa de material de prevención como EPI (lentes, luvas, máscaras, roupa illante,…) "que rematen coa escaseza e a deficiencia dos mesmos", así como un Plan de acción para o persoal dos centros na prevención de riscos laborais e sociais.