Social

CIG-Ensino lamenta que a reunión coa Consellaría "non serviu para nada"

Suso Bermello durante a reunión telemática (CIG).
A central sindical urxe á conselleira Carmen Pomar a facilitar ao profesorado toda a información sobre os criterios de promoción das estudantes e a aclarar as condicións dos exames de acceso á universidade. 

A CIG-Ensino critica que a reunión convocada pola Consellaría de Educación para esta quinta feira, na que non había orde do día, foi deseñada como "exclusivamente protocolaria" para dar resposta ás innumerábeis críticas recibidas "por unha xestión feita de costas ao conxunto da comunidade educativa e, especialmente, do profesorado". Neste sentido, destacan que "non serviu para nada máis que para que poidan marcar na axenda política que se reuniron con sindicatos e ANPAs". 

"Logo dunha intervención inicial de 50 minutos de Carmen Pomar na que se limitou a repasar a súa intervención en sede parlamentar da véspera, abriuse unha rolda de intervencións limitadas a cinco minutos e sen dereito a réplica, o que é un exemplo de como se deseñou a reunión por parte do equipo da Consellaría", afirman desde a CIG-Ensino, que considera que a xuntanza "chega 6 semanas tarde e non abre expectativas de cambio" no departamento de Educación da Xunta. 

A única novidade da reunión, segundo relata a central sindical, foi o anuncio da convocatoria dunha Mesa Sectorial para a semana próxima para falar das oposicións, na que agardan "negociar as condicións do aprazamento" dos examens xa que non lles convenceron as declaracións da conselleira no Parlamento "ao non se asegurar que se engadirán en 2021 todas as prazas necesarias".

Inmobilismo da Xunta

Desde a CIG-Ensino censuran o inmobilismo da Consellaría e salientan que "todo o que ten a ver coa avaliación e cunhas pautas e instrucións para o desenvolvemento do curso escolar debería estar xa en mans das equipas docentes para a súa adaptación á realidade que vivimos". 

Neste sentido, o sindicato considera fundamental que se faciliten "instrucións detalladas e diferenciadas por niveis educativos sobre como proceder en función da desconexión do alumnado ou a participación deste na teleformación" e que se evite "a carga burocrática", pois inciden en que "o máis importante neste final de curso é o contacto, o reforzo e o apoio ao noso alumnado".

Sobre a promoción cara ao curso seguinte, solicitan acceso ao borrador sobre o que se está a traballar desde a Administración e advirten que "o profesorado demanda que a norma sexa clara e que a excepcionalidade na promoción non estea vinculada á interrupción das aulas nin se poida penalizar a quen non pode participar".

No caso das probas de acceso á universidade, as ABAU, a CIG-Ensino coincide en que "a maior opcionalidade é o camiño a seguir" e urxe á titular de Educación a que eses criterios estean "canto antes nas mans do profesorado" de 2º de Bacharelato. 

Asemade, a central sindical denuncia que a Consellaría "denegou e segue denegando a cobertura de baixas por enfermidade, mesmo de longa duración, así como xubilacións". "Demandamos que se cubran todas as prazas que sexan solicitadas polas direccións", defendeu o secretario nacional, Suso Bermello, que tamén instou a Carmen Pomar a "aclarar" a súa afirmación sobre que o Goberno estatal podería aplicar recortes no ensino público.