Ensino baixo confinamento: só 20% das docentes afirman que pode interactuar sen problemas co estudantado

tablet

Así o aponta unha enquisa realizada pola CIG-Ensino entre o día 11 e o 16 de abril e que contou coa participación de 6.352 docentes

Entre 11 e 16 de abril a CIG-Ensino realizou unha enquisa entre as e os docentes da Galiza, unha sondaxe na que tomaron parte, segundo a central nacionalista, máis de 6.300 profesores e profesoras.

Con esta iniciativa, a CIG quere ter información de primeira man sobre a experiencia da teleformación durante estas semanas de confinamento e a realidade do día a día “cun sistema imposto dun día para outro sen posibilidade de adaptación”.Ao que engaden que apenas houbo “apoio nin formación por parte da Consellaría”.

Lembran, como exemplo, que ao longo de todas estas semanas, o colectivo de docentes “non foi consultado nin unha soa vez a través dos seus representantes sindicais”. 

Máis de 6.350 docentes participaron no inquérito e deixaron máis de 1.600 comentarios nos que se constata, afirma a CIG, a existencia dunha “fenda dixital e social"

Centos de comentarios

Máis de 6.350 docentes participaron no inquérito e deixaron máis de 1.600 comentarios nos que se constata, afirma a CIG, a existencia dunha “fenda dixital e social que leva a que unha ampla maioría dos participantes recoñeza dificultades para conectarse co seu alumnado”.

Neste sentido só 20% do persoal docente afirma que pode interactuar sen problemas co estudantado. A maioría (61%) di que pode comunicarse con limitacións, principalmente con orixe no alumnado (82% dos que teñen limitacións) mais en menor medida tamén dos e das docentes (18%).

Só 20% do persoal docente afirma que pode interactuar sen problemas co estudantado

A maiores, existe unha maior afectación derivada de vivir no ámbito rural, xa que ao respecto do alumnado que vive en cidades e vilas medias, hai un diferencial de dez puntos porcentuais (45% fronte a 34 ou 35%) no motivo que explica a falta de comunicación co profesorado.

Para o sindicato o dato máis contundente é que en 25% das aulas do profesorado que contestou ao cuestionario a participación é inferior ao 30%. Fronte a este dato, só un 10% das aulas rexistran unha participación maior do 90%.

Condicionantes

Mais esta situación non se deriva só de “problemas de cobertura”, explica a central maioritaria no ensino público: “Existen outros condicionantes socio-económicos detrás desta desconexión: dificultade das familias para o manexo dos dispositivos electrónicos e das plataformas educativas, pais e/ou nais que teñen que compaxinar traballo como servizos esenciais e/ou teletraballo co coidado das crianzas e que polo tanto precisan dos medios informáticos en horario escolar ou non dispoñen de tempo para acompañalos nas actividades de ensino/aprendizaxe, situacións económicas complexas derivadas de ERTE´s, despedimentos, peches de negocios familiares, etc”. 

O alumnado con NEAE

A maiores, a CIG explica que no caso dos nenos e nenas que teñen diversidade funcional ou que precisan dun apoio específico compróbase como “sofren con maior carga de profundidade a falta de recursos e de interacción co seu profesorado habitual e coas especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe”.

Así, máis de dous terzos das respostas apuntan a unha diferenza apreciábel co resto do alumnado. A metade delas (case un 35% do total das respostas) indican unha menor participación deste alumnado, mais destaca unha porcentaxe case igual (31%) que apunta aos insuficientes recursos e materiais adaptados. Só un reducido 20% dos docentes que responderon afirman que a participación no ensino telemático é similar. 

Profesorado “estresado”

Dous terzos do profesorado que cumprimentou a enquisa afirma que a nova situación creada coa suspensión da docencia presencial e o confinamento lle supuxo un incremento moi importante de traballo.

2/3  do profesorado que cumprimentou a enquisa afirma que a nova situación suponlle un incremento moi importante de traballo.

54% do persoal docente afirma que non contaba con formación ou experiencia previa na teledocencia. Este dato é máis elevado en primaria (70%) que en secundaria e outros niveis (45%).

Suspenso á Consellaría e á Inspección

CIG salienta que “hai practicamente unanimidade entre o profesorado participante é na sensación de sentirse “sós, abandonados pola administración, sen directrices claras e coa responsabilidade de tomar decisións de cara ás familias e ao alumnado que lle competen á autoridade educativa”, tal e como se recolle nalgúns dos comentarios feitos anonimamente.

No tempo transcorrido desde as suspensión das aulas, dous terzos do profesorado (66%) non recibiu ningún tipo de orientación sobre a adaptación das tarefas co cambio á teledocencia ou das destrezas a desenvolver co alumando. Ese terzo do persoal docente que si recibiu orientacións ou indicacións afirma que foi sobre todo a través do resto do profesorado (52%), especialmente do propio centro (40%) e en menor medida de fóra do centro (12%).

No tempo transcorrido desde as suspensión das aulas, dous terzos do profesorado (66%) non recibiu ningún tipo de orientación sobre a adaptación das tarefas co cambio á teledocencia

Terceiro trimestre e vindeiro curso

CIG indica que, en liñas xerais, existe unanimidade á hora de establecer uns criterios de avaliación adaptados á nova situación. 93% dos que contestaron así o manifestaron. Hai disparidade de pareceres acerca de como afrontar este final de curso: 69% dos mestres e mestras que traballan en infantil e primaria consideran como mellor opción dar o curso por rematado, desde o punto de vista académico, no remate da 2ª avaliación.

Pola contra, a opción dunha avaliación final condicionada e non discriminatoria é maioritaria nas demais etapas educativas: 59% na ESO, 63% no Bacharelato, 65% na FP e 58% no resto de ensinanzas. 

Case un 79% considera que o mellor criterio é unha promoción de curso no que as excepcións teña que fixalas o equipo docente, en función da evolución do seu alumnado ao longo do curso, ciclo ou etapa segundo corresponda, mais sen que a interrupción da docencia presencial poida afectar a esa promoción.

Outras opcións como o aprobado xeral (4%) ou a promoción automática sen que o equipo docente poida fixar excepcións (14%) son claramente minoritarias. 

O perfil das respostas

34% das respostas son de mestres e mestras que imparten en Infantil, Primaria e Educación Especial, 61% son docentes de Secundaria e FP e 5% traballan en escolas de idiomas e outros centros de ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas de arte, etc).

Por ámbitos xeográficos algo menos da metade traballa en centros urbanos (46%), sendo case 17% quen están en centros de vilas de entre 10.000 e 20.000 habitantes, o 19% en centros de vilas de entre 5.000 e 10.000 habitantes e perto do 18% no medio rural.