Social

O ministro de Universidades dá por feito que haberá medidas de distanciamento para retomar as aulas no vindeiro curso

O ministro de Universidades, Manuel Castells (Borja Puig/Moncloa).
O ministro Manuel Castells dubida que poidan celebrarse exames presenciais este curso: "Oxalá, pero non o sabemos". E pide ás universidades "consultar" sen demora ás estudantes a fórmula para as avaliacións deste fin de curso.

O ministro de Universidades, Manuel Castells, confiou esta quinta feira en que o próximo curso poida arranzar no calendario habitual, despois do verán, aínda que dá por feito que haberá que adaptarse á situación e adoptar medidas de distanciamento para recuperar a presencialidade nas aulas.

"Aínda que depende do que depende todo, de que o mundo non se afunda", apostilou. "En principio debería abrirse nos prazos normais, pero haberá que adaptar, seguramente, a presencialidade", advertiu.

Nese sentido, o titular de Universidades do Executivo de Pedro Sánchez augura que o regreso ás aulas non será "de calquera xeito" e avanza "que haberá que adecuar as clases presenciais en condicións que permitan respectar eses dous metros, ensinar en aulas grandes e en horarios distintos, desinfectándoas". 

Tampouco garante que se poidan celebrar exames nas aulas este curso, despois de que a pandemia do coronavirus obrigase á suspensión das aulas presenciais desde o pasado mes de marzo en todas as universidades. 

"Oxalá, pero non o sabemos", dixo Castells no Palacio da Moncloa durante a súa primeira comparecencia de prensa desde que asumiu a carteira de Universidades. "Dependerá da situación de xuño, pero en calquera caso, non poderán ser como sempre", aventurou.

Sempre que o permitan as autoridades sanitarias, insistiu Castells, os exames presenciais deberían realizarse con "distanciamento social" e evitando "densidade nas aulas", aínda que o titular de Universidades aconsella que todas as avaliacións se planifiquen xa de forma telemática para evitar "improvisar no último minuto exames 'online".

Escoitar ao alumnado 

Castells, que foi durante décadas profesor universitario até que entrou no Goberno, instou aos seus antigos colegas a "consultar" sen demora ás estudantes a fórmula para as avaliacións este curso, lembrando que "as universidades son dos estudantes".

Na súa opinión, as estudantes "necesitan información" e tamén "ser oídas" diante das circunstancias excepcionais nas que seguen o curso académico desde o decreto de confinamento.

Por iso, pide ás docentes que teñan en conta "as condicións psicolóxicas" do seu alumnado. "Hai que ser moi flexíbel, hai que adaptarse ás condicións que cada estudante está a ter", engadiu.