A CIG-Ensino alerta da necesidade de reforzar o profesorado polo confinamento

O sindicato mostra a súa conformidade con varias das medidas adoptadas na conferencia sectorial entre o Estado e as Comunidades, mais desconfía da aplicación "á vista da unilateralidade habitual da Xunta".

A CIG-Ensino mostrou a súa preocupación pola situación que se presenta para o curso 2020-21 e seguintes e pediu que se tomen as medidas necesarias para reforzar o profesorado e o sistema educativo en xeral.

O sindicato realizou unha valoración das medidas adoptadas na conferencia sectorial entre o Ministerio e as Consellarías de Educación onde se marcou que o alumnado tan só repita curso de maneira excepcional, ao tempo que se falou de avaliación continua.

Neste sentido, a central considerou que "esta xa debería ser a regra e non a excepción" e lembrou que "o Estado español é o que ten un maior índice de alumnado repetidor de toda a UE". "Reverter esta situación e converter a promoción en norma xeral debe ser un principio reitor", afirmou, matizando que "como tal non serve de nada se non se acompaña de medidas correctoras e de reforzo educativo".

Son varias as cuestión que a CIG-Ensino salientou como necesarias, entre outras "a recomposición curricular", "a adaptación de tempos e criterios de avaliación", "apoios educativos" ou "un período de adaptación para o alumnado máis vulnerábel".

Terceira avaliación de reforzo

Entre as medidas acordadas na conferencia coas que concorda, "á espera de que se concreten na norma que terá que aprobar a Consellaría de Educación", están a promoción e titulación, con carácter xeral, do alumnado ou o papel dos equipos docentes na toma final da decisión sen que os efectos do coronavirus poidan terse en conta.

Tamén mostrouse favorábel á terceira avaliación de reforzo e recuperación de competencias e contidos xa traballados nos trimestres anteriores, "mais co curso pechado a efectos académicos co inicio do confinamento".

Ademais, cre positivo que se fixese referencia a programas de reforzo como o coñecido PROA ou outros desenvolvidos pola Consellaría de Educación como o actual ARCO. Neste sentido, a CIG-Ensino pediu un aumento dos cadros de persoal fixo "para reducir ratios e mellorar a atención ao noso alumnado".

"Os parches temporais e organizativos como a actividade no mes de xullo ou os contratos-programa non son a solución", advertiu.

"Illamento" da Consellaría de Educación

En calquera caso, o sindicato mantense á espera de que a Consellaría de Educación "faga o seu traballo e introduza as modificacións legais oportunas", algo que ─sinalou─ "xa podería ter avanzado o noso Goberno se realmente tivese a máis mínima capacidade de iniciativa".

As críticas por parte da CIG-Ensino ao departamento que dirixe Carme Pomar non finalizaron aí: "Non nos cansaremos de instar á Consellaría a que mude o seu illamento e a que comparta, entre outros colectivos, coas organizacións sindicais, as reflexións e medidas necesarias para este tempo excepcional".