A CIG-Saúde denuncia o fechamento de 38 camas no hospital da Mariña para os meses do verán

Unha imaxe do hospital da Mariña (Foto: CIG-Saúde).
O persoal de Enfermaría, sinalan, “fuxiu” a outros territorios como Asturias ou Euskadi, “en busca dun futuro laboral mellor, onde se lles garante estabilidade laboral”.

A federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) considera que o fechamento da planta de Medicina Interna (con 38 camas) durante xullo, agosto e setembro no Hospital da Mariña anunciado polo Sergas, carece de “calquera xustificación técnica posíbel e que tan só obedece a unha política sanitaria de recortes do Partido Popular que busca o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca”.

Desde a CIG afírmase que o fechamento de camas forma parte do conxunto de políticas que o PP está a pór en práctica para “desmantelar o sistema sanitario público en beneficio do gran capital e da medicina privada situada nas grandes cidades; unha ofensiva recentralizadora que afasta en vez de achegar, a sanidade pública á cidadanía”.

O fechamento comeza o 15 de xuño, bloqueando oito camas e reducindo o persoal par a 1 de xullo proceder ao fechamento das portas da planta de Medicina Interna perdendo así o hospital a capacidade de ter dispoñíbeis 38 camas para ingresar aos pacientes que así o requiran.

Falta de profesionais

A Dirección do Hospital xustifica este fechamento de 38 camas pola falta de persoal de Enfermaría, unha situación xerada pola propia dirección e que a central nacionalista vén denunciando desde 2019.

O persoal de Enfermaría, sinalan, “fuxiu” a outros territorios como Asturias ou Euskadi, “en busca dun futuro laboral mellor, onde se lles garante estabilidade laboral”.

Desde a CIG-Saúde “levamos anos dicíndolle a esta Dirección que dignifique a contratación, ofrecendo contratos estábeis cunha carteleira estabelecida, con dereito a vacacións e a que o persoal estea protexido laboralmente ante unha enfermidade ou un accidente, demanda que non se atendeu en absoluto”.

Pola contra, a Dirección de Enfermaría e a Directora do Distrito Sanitario do hospital mariñán, malia as demandas trasladadas, negaron que esta fuxida de profesionais fose por motivos laborais, sinalando que se marchan é por “motivos persoais”.

“Se non temos o persoal que este centro precisa”, sinalan, “a única responsábel e a dirección do hospital polas políticas de contratación precarias dos últimos anos”.

Consecuencias

Este fechamento de camas, alertan “terá consecuencias para os pacientes, suporá o incremento das derivacións, xa que ao non existir camas libres no hospital serán derivados ao HULA, unha práctica que levan facendo durante os últimos meses e que esta a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da Dirección nun hospital que acaba de ser ampliado”.

Estas medidas provocan tamén, manteñen desde esta central, un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías. “A lei di que as e os doentes teñen que ser atendidos en 60 días para intervencións cirúrxicas e en 45 para consultas ou probas diagnósticas. A imposibilidade de cumprir eses tempos na sanidade pública favorecerá a súa derivación á privada, que é onde serán atendidas”.

“Tamén enfermamos no verán”

A CIG-Saúde sostén que durante o período estival non pode diminuír a actividade asistencial porque “as poboacións das zonas de costa, como mínimo, duplican nesa época e os pobos do interior da comarca tamén se enchen cos centos de persoas que veñen de fóra”. Argumenta, ademais, que as persoas “tamén enfermamos no verán”.

“Fechar camas e diminuír a actividade non é nin de lonxe unha boa xestión, simplemente é unha medida que só busca o aforro económico e que vai privar de asistencia sanitaria de calidade durante o verán aos mariñáns e mariñás”, finalizan.