A CIG-Saúde alerta de que o Sergas non garante o dereito ao emprego en Enfermaría

Para o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira é necesario “regular a retribución polo exceso de xornada que fan as profesionais cando é imprescindíbel para manter a continuidade asistencial”.
Concentración da CIG ante o edificio da Consellaría de Sanidade (Foto: CIG).
photo_camera Concentración da CIG ante o edificio da Consellaría de Sanidade (Foto: CIG).

A Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) vén de denunciar que ou Sergas rexeita abordar a situación de Enfermaría e que só levou a mesa sectorial unha medida unicamente retributiva que nin sequera garante ou dereito ao emprego.

Neste sentido, advirte que “a solución non é pagar horas extra ao persoal de Enfermaría que temos, xa sobrecargado, senón crear as condicións para sumar máis persoal, mellorando as condicións de traballo e incrementando os cadros de persoal”.

Para a CIG-Saúde non é aceptábel incentivar a “voluntariedade” sen garantir que o persoal de Enfermaría que está nas listas de contratación teña contratos “en condicións dignas” e “sempre se antepoña a contratación á realización de horas extra”.

Así, para o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira é necesario “regular a retribución polo exceso de xornada que fan as profesionais cando é imprescindíbel para manter a continuidade asistencial”.

Unha medida que, en todo caso, entende que non pode ser a única e que “hai que acompañala de outras que permitan que o traballo ordinario, sen sobrecargas, garanta esa continuidade asistencial”.

A este respecto lembra que no mes de xuño de 2022, a CIG-Saúde solicitou na Mesa Sectorial a creación dun grupo de traballo de Enfermaría, que foi aceptado pola parte da Administración, sen que nunca máis se soubera del.

“A situación empeora”

“Un ano despois a situación da Enfermaría continúa empeorando debido á falta de profesionais dispoñíbeis, ás malas condicións de traballo do persoal temporal e á sobrecarga nos centros de traballo”, denuncia.

Para CIG-Saúde é imprescindíbel abordar a situación da Enfermaría para poder, en base a iso, estabelecer medidas que corrixan e melloren as condicións de traballo para que sexan máis atractivas e acudan ao Sergas novas profesionais, pero fundamentalmente, para reter e consolidar a quen xa están no sistema.

Comentarios