Chaman a concentrarse en apoio ao Sáhara nas sete urbes galegas

Imaxe do exército no Sáhara. (Foto: Europa Press)
Pola "persistencia das agresións" de Marrocos á poboación saharauí e a favor dun referendo de autodeterminación.

A delegación do Sáhara para a Galiza e mais a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí asinan un comunicado no que chaman a poboación a concentrarse nesta quinta fera nas sete urbes do país para amosar o seu apoio á poboación deste territorio.

Tamén reclaman un referendo de autodeterminación como "solución definitiva".

"Vémonos na obriga de seguir mobilizando e facer un chamamento á solidariedade co pobo saharauí e co seu lexítimo representante, o Fronte Polisario", afirman no chamamento.

Así, piden o apoio da cidadanía "diante da persistencia das agresións do Reino de Marrocos contra a soberanía do Sáhara Occidental, a súa intervención ilegal en Guerguerat e, en consecuencia, a ruptura do alto ao fogo asinado entre as dúas partes en 1991".

Os convocantes censurasn "a pasividade para resolver o conflito por parte da Organización das Nacións Unidades e o silencio habitual do Goberno de España".

As concentracións terán lugar ás 19.20 horas en Vigo, diante do Museo do Marco; ante as sedes da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, A Coruña, Ourense e Lugo; en Compostela, na praza de Praterías e en Ferrol, ante a sede da Xunta da Galiza na cidade.