Galiza mobilízase polo pobo saharauí

Máis dun cento de persoas apoiaron onte esta primeira convocatoria en Compostela, que contou co apoio de entidades como a CIG. (Foto: Arxina)
Unha concentración en Compostela, convocada pola Delegación Saharauí na Galiza e por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, serviu hoxe para amosar o apoio da sociedade galega a este pobo contra os últimos ataques do exército marroquí no Sáhara Occidental, que están a recruar un conflito que dura case 30 anos. 

"É una forma de provocar como non se recordaba". As palabras de Maite Isla, presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Sogaps, diríxense contra a actuación das forzas armadas de Marrocos, que o pasado día 13 entraban na franxa desmilitarizada do extremo sur do Sáhara Occidental para romper o bloqueo ao tráfico imposto desde outubro por manifestantes saharauís da Fronte Polisario.

A acción, interpretada polo Goberno da República Árabe Democrática Saharauí (RASD) como unha violación "deliberada" do acordo de alto o fogo asinado en 1991, motivou a concentración desenvolvida esta quinta feira en Compostela en apoio do pobo saharauí, convocada por Sogaps e pola Delegación Saharauí na Galiza, que congregou máis dun cento de persoas, representación dos tres partidos do arco parlamentario e dunha ducia de alcaldes e alcaldesas do país, ademais de organizacións que, como a CIG, chamaron á participación.

"A situación alí é moi complicada, moi difícil", denuncia Isla, que expón que a esta primeira acción seguirán convocatorias noutras cidades galegas.

Unha masacre

"Teremos que ir vendo o que vai acontecendo, non só na zona de guerra, que está nos territorios liberados de Guerguerat –onde entrou o exército marroquí– senón ante o masacre que se está a producir nos territorios ocupados", apunta a representante de Sogaps, responsábel desde hai 25 anos do programa Vacacións en Paz, polo que nenas e nenos dos campos de refuxio do Sáhara pasan o verán na Galiza con persoas voluntarias.

"Están entrando nas casas, levando xente. Non sabemos que pasa con eles", alerta a portavoz, que espera que a concentración de onte sirva para sacar á luz a represión que a está a sufrir o pobo saharauí.

Pola súa banda, a Fronte Polisario está chamando institucións, partidos, asociacións e demais tecido social á mobilización.

Faino para pedir ao Goberno español e á ONU unha intervención "rápida e decidida, que poña fin á ocupación ilegal e ao espolio dos bens do Sáhara Occidental e restitúa os dereitos arrebatados ao pobo saharauí desde o abandono do Estado español á súa provincia número 53, no ano 1975".