O certificado Covid será obrigatorio en todo o lecer nocturno, agás nas terrazas

Carteis demandando o certificado na hostalaría cando o TSXG declarou nula esa solicitude. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Este documento só era preciso nalgúns locais segundo o seu grao de seguridade mais coa ampliación ao 100% da capacidade de todos os negocios deste esta sexta feira, exixirase en calquera pub ou discoteca do país. O Diario Oficial da Galiza (DOG) inclúe unha excepción no caso de que se vaia permanecer nas terrazas sen entrar ao interior dos estabelecementos.

Hai semanas que algúns negocios do lecer nocturno da Galiza -os adscritos ao nivel máis alto de seguridade fronte o coronavirus para poder ter maior capacidade- viñan pedindo o certificado Covid, mais a partir desta sexta feira o levantamento do estado de alarma por parte da Xunta implica que vaia ser necesario presentar este 'pasaporte' en calquera estabelecemento do subsector.

Ao ampliarse ao 100% a capacidade en todos os pubs, discotecas e locais nocturnos do país, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) autorizou esta medida de control estipulada polo Goberno galego e o Comité Clínico.

Asúmese a necesidade de saír co certificado polo "plus" de risco que supón volver á normalidade en canto a capacidade da clientela, polo que é un sistema para garantir o menor perigo epidemiolóxico.

No fallo xudicial que transcendeu na tarde desta sexta feira explícase que o alcance da decisión para a cal o Goberno galego pediu autorización versa en que agora se "estende a todos os estabelecementos incluídos" nos dous niveis de seguridade (1 c e 2 c) e "non só" ao de maior seguridade, como cando este mesmo tribunal autorizou a medida anterior.

"O que ten a súa razón de ser, non pola evolución da situación sanitaria (que non empeorou), senón porque se incrementou a capacidade máxima de persoas permitidas niso establecementos, co consecuente aumento de risco na transmisión da enfermidade", destaca o documento xudicial.

Pola dificultade para renovar o aire

Os niveis mantéñense, aínda que a efectos só de fornecer información aos usuarios sobre o grao de compromiso do local fronte á Covid-19.

"En suma, a medida que se trae para a súa autorización non é nova, senón de maior alcance, e tampouco é de aplicación xeral ou indiscriminada, senón que se dirixe a unha soa actividade: o lecer nocturno, que se desenvolve en espazos nos que resulta dificultoso renovar o aire de forma natural, coa consecuente facilidade de que se transmita o virus por vía aeróxena, segundo aparece acreditado nos rigorosos estudos científicos aos que se refire o informe, de maneira que é evidente a utilidade da medida de prevención", sinala o TSXG.

Porén, segundo a orde publicada posteriormente pola Xunta no Diario Oficial da Galiza (DOG) aparece recollida unha excepción: non será preciso entregar esa información persoal sempre e cando se vaia permanecer na terraza dun determinado local sen acceder ao interior para nada.