Fuches multada no primeiro estado de alarma pola Covid-19? Debes agardar un ingreso

Controis de seguridade durante o confinamento. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
O Goberno español asume a declaración de inconstitucionalidade daquela orde e, en consecuencia, prevé devolver os pagos das multas derivadas desa situación. Na Galiza emitíronse máis de 36.600 multas.

Após meses de incerteza sobre a validez ou non das sancións interpostas durante o estado de alarma pola Covid-19 e sobre se, no caso de atender á declaración destas como inconstitucionais, o Goberno español devolvería os cartos, xa hai unha resposta.

Esta sexta feira transcendeu que o Executivo do Estado vai crear un equipo de traballo para devolver todas as multas relacionadas co primeiro estado de alarma.

Así mesmo, van ser anulados aqueles expedientes que aínda hoxe seguían en tramitación.

Explicárono fontes do Ministerio de Política Territorial, que atenderán así o fallo do Tribunal Constitucional que declarou inconstitucional esa primeira alarma -está por decidir que acontece coa segunda- e, en consecuencia, as sancións quedan invalidadas.

Na Galiza esa etapa deixou até 36.644 multas cuxo importe será agora devolto ás e aos afectados. A maioría das que por aquel entón foron consideradas infractoras foron detectadas en controis da mobilidade sen xustificación algunha en concellos costeiros do país.

Así, as e os galegos deberían agardar polos cartos ou, se continuaban litigando, polo arquivo dos seus expedientes.

No departamento que tramite estas resolucións van estar delegacións do Goberno Español como a galega, as subdelegacións presentes no país e tamén organismos como a Axencia Tributaria.

A nivel global será un traballo complexo pois o balance final foi de 1.142.127 sancións en toda España. Porén, non todas se chegaron a cobrar por distintos motivos.