Representantes das organizacións sindicais do ensino, de Anpas, profesorado, alumnado concentráronse diante da Consellaría de Educación para reclamar outro protocolo de Covid para o curso que principia o 10 de setembro e mostrar, máis unha vez, o seu rexeitamento ao proposto pola Xunta.
Nunha acción conxunta e unitaria que se desenvolveu cunha cazolada e un acto simbólico no que fumigaron o documento presentado pola Consellaría de Educación, púxose de manifesto o rexeitamento da comunidade educativa ás instrucións da administración.
Os principais motivos desta rexeite pasan pola ausencia de medidas efectivas que minimicen os contaxios, mantendo as abultadas ratios existentes, reducindo a distancia de seguridade a un metro (fóra dos grupos estábeis que son inviábeis), sen seguir ningunha das recomendacións sanitarias de organismos como a OMS ou do que establece o Ministerio de Sanidade e negando a posibilidade de incrementar o persoal docente e non docente para facer fronte a todas as medidas organizativas, de gardas, quendas de vixilancia e limpeza que establece o protocolo.
CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, e outras organizacións (CCOO, UXT, Anpe, STEG) alertaron que non se prevé ningún plan de actuación específico cando exista un caso positivo, de illamento do grupo ou centro, e que as medidas que se propoñen nese sentido son moi laxas.
“Igualmente non hai un plan establecido para ter que recorrer á teledocencia, malia que houbo tempo de prepararse para esa eventualidade, e que esta cuestión, xunto co perigo que corren servizos complementarios como o comedor ou o transporte escolar poden redundar nas desigualdades sociais e educativas entre o alumnado”, indican desde a central nacionalista.
Próximas mobilizacións
A semana que vén terá lugar de novo outra concentración diante de San Caetano (o día 28) e os sindicatos xa avanzaron que se non hai ningún movemento que indique que a Consellaría está disposta a negociar outro protocolo “o curso en setembro empezará con conflito e mobilizacións”.