Tres cartaces e tres perguntas directas a potenciais agresores:
-Ameazáchela?
-Dubidas se ela quería sexo?
-Espiaches o móbil dela?
E a seguir as tres perguntas directas, unha mesma afirmación: Iso é violencia machista. Rompe o patrón.
"Desde o BNG queremos dirixirnos aos agresores" -explicou a campaña a responsábel de Acción Feminista da organización frentista, Noa Presas- porque a violencia machista "non son só as hostias e os golpes, non son unicamente as mortes, as raíces do patriarcado son moito máis complexas e están presentes en accións moi cotiás e moi normalizadas".
"En xeral, as campañas van dirixidas ás vítimas, ou potencialmente ás vítimas do terrorismo machista, e descansan todo o peso en como se defender desa violencia, mais desde o BNG queremos pór o foco en quen exerce esa violencia e en quen a deixa pasar, a ese sector é a quen queremos dirixirnos", esclareceu Presas.
A campaña do BNG consta destes tres cartaces e tamén dunha batería de mocións e iniciativas para o seu debate nos concellos, nas deputacións e no Parlamento galego.
55 feminicidios nos últimos 7 anos
Os dados da violencia machista na Galiza son estarrecedores. 55 mulleres asasinadas nos últimos 7 anos, "60 por cento no ámbito íntimo e 40 por cento fóra da parella", segundo dados achegados polo BNG, que este sábado realizará unha xornada no Parlamento galego para analisar as eivas que existen no sistema xudicial e as medidas que é preciso aplicar contra o que cualifican de "terrorismo machista".
Retirada da campaña da Xunta
Na conferencia de imprensa, Presas reiterou a petición do BNG de retirada inmediata da campaña da Xunta para o 25-N, aquela que ten como lema "O máis grande de Galiza non se maltrata" e retrata mulleres xigantes a seren equiparadas con monumentos do país.
"É unha focaxe [da campaña] errada e frívola. Cousifica a muller desde unha óptica paternalista. E é un síntoma da concepción que este goberno ten das mulleres, unha concepción patriarcal e machista", declara a responsábel de Acción Feminista do BNG a Sermos.
Critica Presas que a proposta de Igualdade para o 25.N é "reducionista" porque limita a violencia que se exerce contra as mulleres exclusivamente ao ámbito da agresión física, "cando a violencia que sofren as mulleres é estrutural e ten outras dimensións", entre elas a discriminación salarial.
A campaña da Xunta, 3 veces máis cara que en anos anteriores
O BNG vaise interesar tamén no Parlamento galego polo custo "desproporcionado" desta campaña, en que a Xunta vai gastar máis de 160.000 euros, unha cantidade que case triplica a de exercicios precentes (49.000 euros en 2014, 50.000 en 2015 e 66.000 euros en 2016).
Contrastaría este incremento no gasto co facto de -alega Presas- a Xunta apresentar un baixo nível de execución orzamental das partidas dirixidas a previr a violencia machista e a protexer as súas vítimas, tal e como se observa no cadro a seguir:
Execución programas igualdade (en euros)
|
EXECUCIÓN A 30 DE SETEMBRO DE 2017 | Créditos definitivos | Obrigacións recoñecidas | % execución |
Accións para a igualdade, protección e promoción da muller | 7.258.712 | 3.026.957 | 41,70 |
Protección e apoio das mulleres que sofren violencia de xénero | 5.318.006 | 2.862.122 | 53,82 |
A alternativa a esta situación pasa por un serio incremento dos recursos públicos e a súa efectiva execución orzamental, enfatiza Noa Presas. "O PP asina pactos propagandísticos no Congreso e no Parlamento galego, mais logo dedica escasos recursos ao combate contra a violencia machista", dixo Noa Presas, quen avanzou que a próxima semana, no debate orzamental en pleno, o BNG defenderá que se destine a estas partidas 1 por cento do orzamento da Xunta, "por volta de 100 millóns de euros" [face os pouco máis de 12 da actualidade].