Cambios na estratexia de vacinación. A Comisión de Saúde Pública, integrada polo Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, aprobou esta terza feira o uso da vacina Janssen, monodose, contra a Covid-19 para os menores de 60 anos, até o momento só estaba autorizada en maiores de 70 anos. Os primeiros en recibilo serán os de 50 a 59 anos.
Tamén se validou para inmunizar coa vacina Pfizer adolescentes de entre 12 e 15 anos con "condicións de risco moi alto", como grandes dependentes ou menores que están en centros de educación especial.
Para facelo, con todo, haberá que esperar a que a Axencia Europea do Medicamento dea luz verde, algo previsto para os próximos días. Esta terza feira, a Administración estadounidense xa o fixo. O resto de adolescentes, "non terán prioridade neste momento".
Tamén recibirán a dose de Janssen, filial de Johnson & Johnson, aqueles grupos cunha situación vulnerábel, como persoas sen fogar, traballadores temporais ou inmigrantes non regulados.
Tamén grandes dependentes de "difícil accesibilidade", mariñeiros, persoas con autismo profundo e cooperantes en países de alto risco, entre outros.
A Comisión de Saúde Pública tamén decidiu que as mulleres embarazadas ou que dan o peito serán vacinadas con Pfizer ou Moderna. Por suposto, serán inmunizadas cando corresponda ao seu grupo de idade.
Con respecto á segunda dose de AstraZeneca, os representantes territoriais decidiron ampliar o prazo para recibila das 12 semanas previstas inicialmente até as 16. Mentres tanto, seguirá estudando o que é máis seguro, se volve administrar a segunda fose con esta vacina ou con outra.