A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte confirmou que na madrugada desta sexta feira caeu un anaco do falso teito do centro de saúde de Ribadeo, en concreto na zona do oco das escaleiras.
Até o lugar, entre outras autoridades, trasladouse o alcalde da localidade, Fernando Suárez, que apuntou como causa do derrubamento á acumulación de "quilos e quilos" de excrementos de pomba.
Fontes da área sanitaria apuntaron que a zona na cal se produciu o desprendemento non era asistencial, aínda que as consultas da última planta, que requirían acceso a través da escaleira, foron trasladadas á primeira planta.
Deste modo, o desprendemento non afectou, remarca o Sergas, a actividade asistencial. Os servizos técnicos e de mantemento están xa reparando os danos ocasionados.
O xerente da área, Ramón Ares, acompañado da xerente de Atención Primaria, María Núñez, desprazouse esta sexta feira até o ambulatorio, e destacou que o obxectivo é que para a segunda feira estea xa reparado o falso teito.
A disposición da Consellaría
O Concello de Ribadeo informou de que o alcalde tamén se desprazou ao centro de saúde e se puxo ao dispor da Consellaría de Sanidade.
"Con grande alarma acudimos ver que pasaba no centro de saúde e finalmente temos que dicir que non é para tanto. É significativo e curioso porque houbo un desprendemento do falso teito debido á acumulación de quilos e quilos de excremento de pomba. Durante moitos anos por algún buraco ou recuncho introducíronse desde a cuberta exterior a un falso teito debaixo dunhas escaleiras e coa acumulación de excrementos acabouse desprendendo parte dese falso teito", esgrimiu.
"Desde o Concello enviamos a persoal de Obras e de Medio Ambiente para que retiren con coidado todo ese excremento, que supoño que servirá de abono para os parques, e tamén nos puxemos a disposición e baixo as instrucións da delegada de Sanidade da Xunta da Galiza para coordinar", agregou.
Non en balde, lembrou que a titularidade da infraestrutura é da Xunta, pero apelou a que a lealdade e cooperación está garantida por parte das Autoridades locais.