Unha de cada dez vivendas rexistradas na Galiza figura en réxime de aluguer

33,8% das vivendas galegas están pagadas na súa totalidade. (Foto: Arxina)
O gasto medio en hipotecas en 2021 foi de 404,39 euros mensuais.

Aproximadamente unha de cada dez vivendas rexistradas na Galiza están en réxime de aluguer. Son, en concreto, 136.543 fogares, segundo a Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas, que o Instituto Nacional de Estatística (INE) actualizou nesta cuarta feira cos datos máis recentes dispoñíbeis, correspondentes á anualidade de 2021.

As casas e pisos alugados representan 12,4% do total do país (1.100.477). No conxunto do Estado español a porcentaxe de vivendas en aluger sobre a cifra xeral é lixeiramente superior: 15,9%. 

Da mesma enquisa extráese que a inmensa maioría das vivendas en réxime de aluguer (100.634) teñen unha cota mensual que vai desde os 200 até os 500 euros, mentres que en 10.327 son inferiores a 200 euros; en 21.500, entre 500 e 700 euros; en 2.388, entre 700 e 1.000 euros, e  en 1.693, superiores a 1.000 euros.

Sobre o total de vivendas da Galiza, máis de medio millón foron adquiridas en operacións de compravenda, das cales 371.949 (33,8% do total de vivendas) están xa pagadas na súa totalidade e outras 197.687 (17,9%) teñen aínda cotas pendentes da hipoteca por abonar

No que atinxe a ese perto de 18% de casas e pisos comprados con contas pendentes da hipoteca, estas móvense en cifras moi semellantes ás do aluguer. No caso de 16.801 fogares, a contía non chega aos 200 euros; en 133.261, vai de 200 a 500 euros; en 28.763, de 500 a 700; en 8.8875, de 700 a 1.000 euros, e en 9.987, supera os 1.000 euros. 

Segundo datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) o gasto medio mensual do fogar en hipoteca da vivenda principal en 2021 (último ano do que se dispón a serie de datos completa) foi de 404,39 euros. Este dato supón case 40 euros menos do gasto medio de 2011: 442,31 euros. 

En comparación tamén co ano 2011, o número de hipotecas activas en 2021 foi igualmente menor: 36.399 fronte a 20.934.

A Cámara urxe executar os fondos de vivenda

O pleno do Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade esta cuarta feira unha proposición non de Lei presentada polo PSdeG para reclamarlle á Xunta da Galiza que execute todos os fondos dispoñíbeis para vivenda de promoción pública, sinaladamente en réxime de aluguer, dos cales só se executou 3,4% do total. 

A iniciativa aprobouse nun momento no que os prezos dos alugueres nas sete grandes cidades galegas aumentou 35% desde 2015, con máis de 15.000 demandantes de vivenda de promoción pública (o triplo das ofertadas pola Xunta).