O BNG organiza na Eurocámara unha conferencia sobre o impacto da eólica mariña na pesca

Intervención da parlamentaria Ana Miranda diante do pleno da Eurocámara. (Foto: Philippe Buissin)
Baixo a lema 'Sobre eólica mariña: cara a un novo fracaso ambiental?', buscarase "dar voz a representantes do sector pesqueiro, que se xoga o seu futuro".

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, organiza esta cuarta feira, 24 de maio, na Eurocámara unha conferencia sobre o impacto da eólica mariña na pesca.

Baixo a lema 'Sobre eólica mariña: cara a un novo fracaso ambiental?', buscarase "dar voz a representantes do sector pesqueiro, que se xoga o seu futuro".

"Na Galiza o noso sector pesqueiro xógase a súa perviviencia e o seu futuro, pero tamén vemos como noutros territorios o seu impacto tamén é moi negativo e queremos analizalo en profundidade", resalta Miranda.

Participantes

Na conferencia participarán: o presidente da Federación Española de Confrarías de Pescadores e patrón maior de Burela, Basilio Otero; o portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixeira; o representante de CIG Mar, Xavier Aboi; o presidente da Confraría da Guarda, Rubén Adrover; o presidente da Confradía de Cangas, Francisco Javier Costa; así como a presidenta e a secretaria da Confradía de Cedeira, María Magdalena López e María Rodríguez, respectivamente.

Tamén contará co representante dos sindicatos de pesca en Portugal, Nuno Filipe Moreira; o representante de Adega Fins Eirexas, así como os deputados do Bloque no Parlamento galego Rosana Pérez e Ramón Fernández.