A Eurocámara pedirá explicacións a Israel tras expulsar a Miranda

A presidenta do Parlamento, Roberta Metsola, reunirase cos líderes dos diferentes grupos parlamentarios para abordar o caso e estudar posíbeis medidas para "evitar que volva suceder".
Ana Miranda, do grupo parlamentario dos Verdes / Alianza Libre Europea. (Foto: OV/ALE)
photo_camera Ana Miranda e o BNG intégranse no grupo parlamentario da Os Verdes / Alianza Libre Europea. (Foto: OV/ALE)

O Parlamento Europeo pedirá explicacións ás autoridades de Israel por deportar a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, cando viaxaba en misión diplomática oficial a territorio palestino. Nunha mensaxe difundida en redes sociais, a presidenta da Cámara, Roberta Metsola, expresou a súa "decepción" e lamentou a expulsión da parlamentaria nacionalista.

"A eurodeputada Miranda xa está de volta en Europa. Poreime en contacto coas autoridades de Israel para aclarar o sucedido e transmitir a nosa preocupación", sinalou a política maltesa (Partido Popular Europeo), quen explicou que o seu equipo ficou en "estreito contacto" con ela "en todo momento", cuestión que confirmou a afectada a Nós Diario após aterrar en Madrid esta terza feira.

Metsola avanzou que, unha vez quede "aclarado" o sucedido, tratará esta cuestión cos líderes dos diferentes grupos parlamentarios para estudar medidas encamiñadas a evitar que este tipo de sucesos volvan ter lugar.

Este caso súmase ao choque entre Israel e a Eurocámara a conta do xefe da Delegación europea para os territorios palestinos, o eurodeputado de Izquierda Unida Manu Pineda, que non chegou a viaxar ao non recibir o visto e prace das autoridades israelís para a visita, a segunda vez en menos dun ano que isto acontece.

Miranda recibiu numerosas mostras de apoio nas últimas horas, a comezar pola súa propia formación. "Queremos denunciar esta medida absolutamente inxusta e antidemocrática, que pon en evidencia o que é realmente a 'democracia' [entre aspas] israelí, que intenta evitar por todos os medios que os crimes de lesa humanidade que comete a diario contra o pobo palestino sexan coñecidos e denunciados pola comunidade internacional", apuntou Néstor Rego, deputado e portavoz do BNG no Congreso.

Rego, aliás, vén de interpelar o ministro de Asuntos Exteriores español, José Manuel Albares, na súa comparecencia desta terza feira na comisión de Exteriores da Cámara: "Censuramos a política de apartheid de Israel. Miranda debe reincorporarse cando antes a esa delegación". Desde o Goberno español xa trasladaran a Miranda que tamén exixirán explicacións a Tel Aviv.

Tamén o eurodeputado Nicolás González Casares (PSdeG-PSOE), que a acompañaba na expedición, solidarizouse con Miranda: "Lamento que non puidese acceder, eu mesmo estiven retido con ela unha hora. Non se entende que se autorice a misión do Parlamento e logo non pasen deputados, total solidariedade con Ana".

"Preocúpanos moito a decisión das autoridades israelís de negarlle a entrada en Palestina á eurodeputada Ana Miranda e deportala a España, impedíndolle desempeñar as súas lexítimas funcións como membro da Delegación para as Relacións con Palestina (DPAL)", engadiu Philippe Lamberts, copresidente do grupo da parlamentaria do Bloque, Os Verdes-Alianza Libre Europea.

Comentarios