O BNG leva ao Congreso a petición de indulto a Anxo Pintos

Concentración polo xuízo de Xesús Anxo López Pintos (Foto: Nós Diario).
Os feitos ocorreron o 4 de outubro de 2012, tras unha concentración convocada polos comités de empresa de Poligal e Navantia.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, levou á Camara Baixa a petición para a concesión de indulto ao sindicalista Xesús Anxo López Pintos polos feitos ocorridos en 2012 durante unha manifestación en defensa do naval. Todas as organizacións principais de Ferrolterra iniciaron, tamén, unha recollida de sinaturas con este mesmo obxectivo.

A formación nacionalista, que tamén ten iniciativas no ámbito local e o Parlamento da Galiza, reclama, de "maneira urxente", que o Executivo estatal tramite a aprobación do indulto a Pintos, condenado a unha pena de seis meses de cárcere e inhabilitación especial do dereito de sufraxio pasivo neste tempo.

Os feitos

Os feitos ocorreron o 4 de outubro de 2012, tras unha concentración convocada polos comités de empresa de Poligal e Navantia para protestar contra as "políticas de recortes" do Goberno.

Para o BNG, a detención de Pintos, ex secretario comarcal da CIG, foi "unha actuación de persecución contra unha persoa concreta, polo coñecida que era na comarca, que se observou como inxusta, arbitraria e cargada de violencia". Destaca, ademais, que o sindicalista "foi vítima de malos tratos", como se recolleu en medios de comunicación, apunta.

Razóns para o indulto

"Este caso reúne as tres condiciones que se valoran para a concesión dun indulto: razóns de xustiza, equidade ou utilidade pública", sinala Rego, quen indicou que "o representante sindical participaba na concentración para defender os intereses sociais, laborais e económicos colectivos e non intereses particulares".

O BNG lembra que ao longo destas décadas concedéronse indultos a "políticos corruptos, golpistas do 23- F ou banqueiros", polo que "resultaría sorprendente que non se concedese nun caso como é o de Anxo Pintos", que "só exercía a súa actividade sindical nunha concentración nunha época de crise económica moi dura".