A CIG ve "represalias" no despedimento de dous traballadores da refinaría da Coruña "que deron a cara" por Unai Martínez

O sindicato chama a atención no feito de que ambos os despedidos fosen "os compañeiros de Depisa ['contrata' de Repsol] que máis deron a cara durante o conflito" xurdido pola morte de Unai Martínez.
Refinaría de Repsol na Coruña (Foto: Europa Press).
photo_camera Refinaría de Repsol na Coruña. (Foto: Europa Press)

A Federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG da Coruña denunciou esta segunda feira o "despedimento inxustificado" de dous traballadores da empresa Depisa Coating Solutions SL, "que estaban a tentar organizarse na empresa logo de que o seu persoal se vise indefenso durante o conflito vivido na refinaría de Repsol por mor do accidente mortal ocorrido en marzo".

Así o notificou a central sindical ,que chama a atención no feito de que ambos os despedidos fosen "os compañeiros de Depisa que máis deron a cara durante o conflito" xa que, engade, "participaron activamente nas mobilizacións para reclamar o esclarecemento da causas do accidente que causou a morte de Unai Martínez e deixou ferido outro traballador e na demanda dunhas condicións dignas para o persoal das 'contratas' de Repsol".

"Pola indefensión que sentiron nese proceso por carecer de organización sindical, constituíran uns días antes a nova sección sindical da CIG e, de feito, xa estaban a traballar na confección dunha candidatura recollendo apoios entre todo o persoal para promover as primeiras eleccións sindicais libres nesta empresa en máis dunha década", subliña Mario Maceiras, secretario comarcal da FCM-CIG.

Por iso, argumenta que "o despedimento fulminante destes dous compañeiros constitúe unha represalia da empresa, que nin sequera esperou a que terminasen a xornada de traballo para comunicarlles o cesamento".

A respecto diso, Maceiras sostén que a compañía utiliza "o falso argumento da falta de traballo" para xustificar a medida, "cando Depisa ten garantida carga de traballo para todo 2022 na refinaría, onde leva moitos anos desenvolvendo actividades de mantemento".

A CIG avanza que iniciará as accións legais e sindicais que foren precisas para exixir a readmisión dos dous traballadores, "que levan moito tempo nesta empresa, aínda que por culpa da precariedade dos contratos efectuados por Depisa apenas teñan antigüidade".

A CIG non subscribe o informe sobre a morte de Unai Martínez

Precisamente na pasada quinta feira a CIG anunciou que non asinará o informe feito pola empresa a respecto do accidente laboral que tivo lugar na refinaría da Coruña o pasado 26 de marzo e que custou a vida dun dos traballadores, Unai Martínez.

O documento plasma as conclusións finais da investigación, mais o sindicato advirte que está "incompleto" e que "non é para nada concluínte", alegando que "non afonda nas causas estruturais que provocaron o accidente e só se poñen de manifesto os erros humanos sen asumir por parte da empresa que é o que provoca esta toma de decisións".

Comentarios