Aprobados uns indultos parciais que manteñen a inhabilitación

O Consello de Ministras e Ministros aprobou a concesións dos indultos ás nove presas e presos políticos cataláns por "razóns de utilidade pública" en busca da concordia, defendeu Pedro Sánchez. A medida, parcial, permitirá a saída inmediata da prisión, e non afectará as penas de inhabilitación.
Pedro Sánchez, onte, durante a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras e Ministros. (Foto: M.Fernández.POOL / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez durante a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras e Ministros. (Foto: M.Fernández.POOL / Europa Press)

Nunha comparecencia sen preguntas e de apenas cinco minutos, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, comunicou despois do Consello de Ministras e Ministros de hoxe a aprobación do indulto parcial ás nove presas e presos políticos cataláns que permanecen na cadea.

O acordo adoptado no seo do Executivo estatal permitirá a súa saída inmediata das prisións e estará condicionado a non volver cometer un delito grave, segundo indicou Sánchez. Con posterioridade, precisouse que a duración desta cláusula alargarase seis anos.

Tamén incidiu en que o indulto non afectará a inhabilitación das persoas condenadas despois de impulsar un referendo de autodeterminación en Catalunya o 1 de outubro de 2017, polo que se manterá a prohibición de que se presenten a calquera proceso electoral ou de que obteñan cargos ou empregos dentro do sector público.

A inhabilitación vai vencellada á sentenza, polo que no caso do ex vicepresidente de Catalunya e presidente de Esquerra Republicana de Catalunya, Oriol Junqueras, que recibiu a pena máis alta, estenderase até o 5 de xullo de 2031. 

Utilidade pública

Sánchez argumentou que o motivo dos indultos atende a razóns de utilidade pública, apuntando que é “a mellor decisión tanto para España como para Catalunya” antes de salientar que “Catalunya sen España non sería europea”.

Despois do informe aprobado na segunda feira polo Consello de Europa que critica a actuación xudicial contra o independentismo e reclama que sexan abandonadas as solicitudes de extradición contra as persoas exiliadas, Sánchez sinalou que o Estado “non exixe que as persoas cambien as súas ideas” e argüíu que se teñen que pór en practica “no marco da legalidade”.

Unha vez confirmada a concesión da medida de graza, Bingen Zupiria, voceiro do Goberno de Euskadi, defendeu o seu "absoluto respecto e apoio" aos indultos e a calquera medida "positiva" que permita avanzar na "resolución do conflito".

Vox denunciará o Consello de Ministros e o PP arremete contra os empresarios 

O xa previsto anuncio da concesión dos indultos ás presas e presos políticos cataláns tras a xuntanza do Consello de Ministros desta terza feira levou a Vox, que xa anunciara un recurso pola vía do contencioso-administrativo para anular a decisión, a comunicar que aínda que o Tribunal Supremo suspenda a resolución tomada polo Executivo estatal denunciará todas as persoas que forman parte del, cualificándoa como unha medida "en contra" do Supremo.

Pola súa banda, o PP lanzouse a criticar os empresarios por mor do apoio da patronal á medida de graza, salientando o seu líder, Pablo Casado, que "non representan a ninguén", nin eles nin a sociedade civil como a que acompañou Pedro Sánchez a pasada segunda feira en Barcelona. Ademais, avanzou que pedirá a lexitimidade para  poder recorrer os indultos no Supremo.

Comentarios