Entrevista

Néstor Rego: "Votamos a favor do decreto por responsabilidade política, na defensa dos intereses da cidadanía"

Após a convalidación do decreto 'anticrise' no Congreso dos Deputados, 'Nós Diario' conversa co portavoz do BNG na Cámara Baixa, Néstor Rego —cuxo voto foi decisivo nunha axustada votación— sobre os compromisos que a formación nacionalista "arrancou" ao PSOE no proceso de negociación do citado decreto.
Néstor Rego recrimina a "falta de cumprimento" do PSOE dos acordos que alcanza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego recrimina a "falta de cumprimento" do PSOE dos acordos que alcanza. (Foto: Nós Diario)

—O do BNG foi un dos votos que permitiron a convalidación no Congreso do real decreto-lei 6/2022. Se ben desde a súa formación foron críticos nun primeiro intre, por que finalmente decidiron votar a favor?

Non é que houbese un cambio de postura, sempre o criticamos por consideralo insufuciente porque non había medidas de calado que realmente fosen eficaces para conter a escalada descontrolada dos prezos. O prezo da electricidade, por exemplo, require dunha intervención decidida no mercado eléctrico. Por aí viña a crítica.

Porén, tratábase de se as medidas do decreto, aínda sendo insuficientes, podían decaer ou manter a vixencia. E votamos a favor por responsabilidade política, por poñer diante os intereses da cidadanía e que continuasen, por exemplo, as axudas a sectores chave da nosa economía como a agricultura, o transporte ou a pesca, a subvención aos carburantes, a ampliación da contía do ingreso mínimo vital... Esa foi a primeira razón, situar os intereses da cidadanía por diante de calquera outra cuestión, xa que podía faltar unha maioría suficiente na votación.

Conseguimos que o PSOE se comprometese a recuperar o proceso de participación pública na tramitación de parques eólicos de 50 a 75 MW e máis a revisar a zonificación feita polo Ministerio

Logo hai tamén unha cuestión importante, arrancamos ao PSOE o compromiso —e digo que o arrancamos porque o PSOE é agora o que ten que cumprir na tramitación do proxecto de lei— de recuperar o proceso de participación pública na tramitación dos parques eólicos de entre 50 e 75 megawatts, unha das medidas incluídas no decreto coa que discordamos de forma radical e que foi criticada polo conxunto dos colectivos ambientalistas e de persoas afectadas polos eólicos. Esta mudanza na tramitación reducía garantías desde o punto de vista ambiental e eliminaba tamén ese proceso de participación pública, mais agora temos o compromiso de que na tramitación do decreto como proxecto de lei vaise recuperar ese procedemento e a posibilidade, por tanto, de presentar alegacións contra os proxectos as persoas afectadas.

Tamén temos o compromiso de revisar a zonificación que fixo o Ministerio, unha das cuestións que están a causar máis descontento. Sabemos que non é o óptimo, gustaríanos que se eliminasen esas cuestións, mais o acordo permite un avance na recuperación dese proceso de participación pública e máis o compromiso de revisar a zonificación.

—No proceso de negociación sobre o decreto, o BNG logrou que o Goberno estatal tamén se comprometese a "reactivar" a 'axenda galega' que se pactara no acordo de investidura de 2020. Cales diría que son as liñas chave desa axenda e por que se "reactiva" agora?

A axenda galega estaba recollida xa no acordo de investidura, mais o PSOE até o de agora non foi moi dilixente á hora de cumprir os compromisos. Estabelecemos unha reunión de seguimento para o vindeiro 11 de maio na que faremos unha avaliación e veremos que pode saír adiante. Unha das chaves, recollida no pacto de investidura, é dar solución ao problema dos emigrantes retornados coa Facenda española. Neste sentido, presentamos unha proposición de lei para debater no pleno que esperamos saia adiante nas próximas semanas.

Mais o que se trata é do compromiso de reactivar as medidas recollidas no acordo de investidura. Fomos moi críticos co PSOE por non ter demasiado interese en aplicar esas medidas, se ben algunhas saíron adiante, como os descontos na AP-9, o inicio dos traballos de rexeneración da ría do Burgo, a licitación da conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña... Mais hai outras que non se moveron e que é imprescindíbel que avancen.

—Cre que nestes dous anos houbo un grao de execución suficiente dese pacto de investidura?

Efectivamente houbo cuestións que xa se puxeron en marcha, pero a estas alturas, na metade da lexislatura, consideramos que non foi suficiente e que se perderon moitas oportunidades, sobre todo en materia de infraestruturas. De feito, o BNG non apoiou os últimos Orzamentos Xerais do Estado porque eran insuficientes para poder avanzar.

—O Goberno estatal sacou adiante este decreto 'anticrise' apoiado nas forzas soberanistas, e non na dereita, como en anteriores ocasións. Cre que isto pode marcar as preferencias do Executivo en relación aos seus 'socios'?

Creo que o problema do Goberno de PSOE e Unidas Podemos é que non ten unha política decidida de cumprimento dos acordos, e non me refiro só aos pactos asinados con outras forzas políticas, senón aos compromisos programáticos que adquire coa cidadanía, como o programa electoral ou o do Goberno de coalición. Moitas veces dise que o BNG apoia o Goberno estatal, mais non é certo. Nós demos o noso apoio na investidura mais non temos un compromiso de apoio durante a lexislatura. Apoiamos aquelas medidas que consideramos positivas e rexeitamos as que son negativas.

O PSOE incumpre os seus compromisos, como a non derrogación da reforma laboral e a consolidación dos aspectos máis lesivos —e por iso votamos en contra— ou non derrogar a reforma das pensións e manter cuestións como a suba a 67 anos da idade de xubilación... Ou a non derrogación da 'lei mordaza'. E esta lexislación represiva é precisamente o que máis ten aplicado o Goberno, por exemplo co caso da espionaxe ilegal que vimos estes días, algo inadmisíbel polo que xa pedimos a dimisión da ministra Margarita Robles.

O PSOE púxose de acordo con PP e Vox para tombar unha proposta do BNG e outras forzas soberanistas para acabar coa impunidade do franquismo

Por outra parte, o BNG presentou recentemente unha proposta xunto a outras forzas soberanistas para modificar dous artigos do Código Penal que acabasen coa impunidade do franquismo, pero o PSOE votou en contra con PP e Vox. Puxéronse os tres de acordo para garantir que se manteña a impunidade dos crimes do franquismo.

A visión da actuación do Goberno por parte do BNG é moi crítica e lévanos a non apoialo en toda a lexislatura, senón só en medidas concretas se son positivas. Exiximos de forma permanente que cumpra o que prometeu, na defensa dos intereses da Galiza. A responsabilidade de poñelas en marcha é exclusivamente do Goberno, que se comprometeu e non o está a facer.

Comentarios