Hoxe, 22 de xaneiro, entra en vigor a nova normativa sobre patinetes, os vehículos de mobilidade persoal. A partir desta segunda feira, todos os que se vendan deben de estar certificados. Entre as novas exixencias que se estabelecen para os VMP está o de que deben dispor dunha placa que garanta o cumprimento das especificacións reguladas no manual de Tráfico.
Para que serve esta placa de identificación? Con ela preténdese que todos os patinetes estean homologados xa que isto quere dicir que superarían unha serie de probas que certifiquen que son seguros para a circulación . Algúns dos requisitos que teñen que cumprir pasan por levar luces reflectoras nos laterais, a parte traseira e a dianteira ou un sistema correcto de freado na parte dianteira e traseira, entre outros. Ademais, deberán dispór dun indicador de información visiíbel no que conste a velocidade á que vai e o nivel de batería.
Non poden circular a máis de 25 km/h, velocidade a partir da cal o motor deixará de impulsar o vehículo, e disporán dun sistema para impedir a ‘trucaxe’ destes vehículos
Os dedicados ao transporte de mercadorías ou outros servizos, deben levar ademais instalados obrigatoriamente intermitentes dianteiros e traseiros, retrovisores e asistente de marcha atrás.
Os vehículos de mobilidade persoal (VMP) de menos de tres rodas teñen que levar unha pata de cabra lateral ou un cabalete central para evitar que queden tirados no medio das rúas.
Os patinetes xa comercializados poderán circular sen certificación até 22 de xaneiro de 2027. A partir de entón, soamente o poderán facer os que conten coa homologación.