Así lexisla a Xunta a favor do xogo

Salón de xogo con máquinas comecartos. (Foto: Europa Press)
Unha década de agasallos fiscais de Núñez Feixoo ao sector

O pleno do Parlamento da Galiza vén de aprobar cos votos favorábeis do Partido Popular e coa oposición do BNG e do PSdeG unha nova rebaixa fiscal para o sector do xogo. A medida, recollida na Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para 2021, popularmente coñecida como Lei de acompañamento dos orzamentos, estabelece que nas autoliquidacións que deben presentar as empresas do xogo en 2021 se rebaixe o 20% de todos os tributos de 2020 no caso dos casinos e bingos e o 30% e no caso das máquinas ou aparellos automáticos. Ademais, cando na primeira autoliquidación de 2021 non se chegue ao tope que o cambio lexislativo permite aforrar nesta anualidade, será posíbel repartir o que reste por bonificar nas seguintes liquidacións do exercicio.

As concesións fiscais ao sector do xogo son unha constante na acción de Goberno de Alberto Núñez Feixoo. En 2013 a Xunta da Galiza botou man da Lei de acompañamento dos orzamentos para modificar a tributación dos bingos, que até ese momento estaban obrigados a destinar o 61% dos seus ingresos a premios, o 23,5% a impostos e o 15,5% a beneficios, pasando desde aquela altura a dedicar o 70% a premios, o 15% a impostos e outro 15% a beneficios, coa conseguinte caída da recadación para as arcas públicas galegas. O aumento da contía para premios é un aspecto moi criticado polas asociacións de ex xogadores, que entenden a decisión como un incentivo para o xogo e unha medida que favorece a ludopatía.

O impacto destas decisións teñen consecuencias graves na saúde das persoas e nas contas públicas galegas. Ademais, non só o sector dos bingos se viu favorecido polas rebaixas fiscais do Executivo de Feixoo, pois as coñecidas como máquinas comecartos non tributan polo recadado, senón por unha taxa fixa trimestral que as converte nun dos negocios máis lucrativos para os operadores do xogo.

As máquinas tipo B, as máis habituais nos locais da hostalaría, están obrigadas a pagar á Administración galega unha cota trimestral de 935 euros, unha contía que as persoas coñecedoras do sector consultadas por Nós Diario consideran “ridícula” á vista dos beneficios xerados por estes aparellos.

Ademais de utilizar a Lei de acompañamento dos orzamentos para beneficiar o sector do xogo fixando un réxime fiscal máis favorábel para o negocio, noutras ocasións empregouse para modificar a normativa marco nesta materia.

En 2015, o Partido Popular introduciu unha mudanza na Lei do xogo da Galiza de 1985, que só permitía un casino por provincia, autorizando a apertura de “salas auxiliares” das xa existentes, decisión que a oposición denunciou como unha solución a medida dos intereses dos propietarios do casino da Toxa (O Grove), interesados na apertura dunha sala en Vigo, en funcionamento desde 2019.

As forzas de oposición ligan as decisións da Xunta da Galiza á súa conivencia coa patronal do xogo. A este respecto, nunha comisión parlamentaria decorrida o pasado 15 de xaneiro, o deputado do BNG Luís Bará puña de manifesto que “hai unha relación de conivencia e moita proximidade política entre a patronal do xogo e o PP, especialmente en Pontevedra, como testemuñan os lazos entre o presidente da patronal do xogo, Serafín Portas, Alfonso Rueda e Lupe Murillo”.