Opinión

Xogo patolóxico

Coa crise do coronavirus, outros problemas de saúde están a quedar nun segundo plano, o cal é lóxico, pero a falta de atención mediática sobre eles non quere dicir que non persistan. Un deles, que ademais non se vai ver reducido polo confinamento, é o do xogo patolóxico. Xusto antes da crise sanitaria o actual goberno anunciou certas medidas para limitar a publicidade das apostas que a moitos de nós nos pareceron insuficientes. O xogo patolóxico é unha das chamadas adiccións sen substancia ou condutuais. Son patoloxías nas que o que produce adicción é a repetición dun certo acto, neste caso o de apostar cartos nun xogo de azar. Outro tipo de xogos que non impliquen apostas non están recollidos nesta categoría e non parecen provocar adicción como tal, aínda que calquera actividade humana pracenteira (as compras, o sexo, a comida...) pode afectar aos circuítos de recompensa cerebrais e conducir a unha relación problemática.

A proliferación das casas de apostas e o xogo online provocaron en moi pouco tempo un forte incremento do número de xogadores patolóxicos, maioritariamente homes e dos niveis socioeconómicos máis desfavorecidos. A publicidade omnipresente, sobre todo ligada a grandes eventos deportivos, e o doado do acceso en liña, fan que sexa unha actividade que medra exponencialmente e que resulta moi difícil de atallar, unha vez que se converte en patolóxica. As estratexias empregadas ata o de agora, como o control dos cartos ou a prohibición de acceso a certos locais, xa non son efectivas porque a aposta pode realizarse dende calquera dispositivo, a calquera hora do día ou da noite. Países como Italia optaron pola prohibición total da publicidade, tal e como acontece no Estado Español para o alcol e o tabaco, pero o decreto anunciado só a limita ata as 8 da tarde, xusto cando comezan as retransmisións deportivas de maior audiencia, e onde reside o foco do problema. Ademais, durante o confinamento prohibiuse a publicidade agás na franxa horaria da madrugada pero esta medida é só temporal. Aumentarán os problemas de xogo durante o confinamento? Esta maior restrición temporal semella un xeito de poñer a venda antes da ferida, e aínda que non hai datos para afirmalo aínda, todo parece apuntar que nos atoparemos unha vez volvamos á normalidade cun problema aínda maior.

Comentarios