Un artigo de Marilar Aleixandre publicado en 'Nós Diario' entra no exame de Lingua Galega da selectividade

Alumnado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, esta terza feira, nunha das probas da Abau. (Foto: Arxina)
O texto de Marilar Aleixandre aborda o caso de Moraima, unha rapaza galegofalante cuxa lingua non identificaba o asistente de voz de Apple, Siri.

Máis de 12.000 estudantes galegos e galegas principiaron esta terza feira as probas da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (Abau). Esta cuarta foi a quenda, a primeira hora, do exame de Lingua Galega e Literatura, e Nós Diario estivo presente nas aulas.

Na cuarta pregunta desta proba propuxéronse dous exercicios a escoller polo alumnado, un dos cales consistía en explicar a situación que denuncia Marilar Aleixandre a respecto da normalización e transmisión da lingua galega nun artigo de opinión que foi publicado neste xornal o 24 de setembro de 2021.

O texto levaba por título 'Cuñados: orgullo de galegofalantes', e nel a autora abordaba, por unha parte, a comedia galega no cimena a través do filme Cuñados, e, por outra, no extracto recollido no exame da selectividade, o caso dunha rapaza galega, Moraima, á que a asistente de voz de Apple, Siri, non lle recoñecía as súas palabras por empregar o galego:

Galegofalante consciente de que lingua fala, de que é diferente da da máquina. Nun intre de perigo tanto da transmisión do galego, como da preservación polas nenas e nenos que reciben o galego na casa e corren risco de perdelo na escola –na meirande parte dos casos non polas mestras, senón polas outras crianzas–, o de Moraima e Antía é un exemplo a seguir. E mostra por que demandamos asistentes virtuais e produtos informáticos en galego. Porque, sabes Siri? Eu falo galego e quero seguir falándoo.
Marilar Aleixandre. Nós Diario. 24 de setembro de 2021.

Outros contidos da selectividade

A industrialización e o impacto da chegada do ferrocarril, a Restauración borbónica e a Transición tras o fin da ditadura de Francisco Franco centraron o exame de Historia de España, que inaugurou esta terza feira as probas da Abau na Galiza.

Calendario de exames

Esta cuarta feira é o día con maior cantidade de probas. Após Lingua Galega e Literatura chegan Primeira Lingua Estranxeira (11), Matemáticas e Latín (13), Debuxo Técnico, Artes Escénicas e Segunda Lingua Estranxeira (16) e as probas de Química e Grego darán por finalizada a segunda xornada ás 18 horas. Cada estudante examinarase dun máximo de cinco materias esta xornada.

A convocatoria ordinaria rematará na quinta feira con Bioloxía e Historia da arte (9 horas), Física, Xeografía e Cultura Audiovisual (11) e as últimas probas corresponden ás materias de Xeoloxía e Historia da Filosofía, ás 13 horas.