Acceso á universidade

Comeza a ABAU 2022: así será a selectividade na Galiza

Estudantes de Bacharelato durante os exames de selectividade en Viveiro, en 2020. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Desde esta terza feira, e até a quinta, os campus das universidades galegas acollen as probas da ABAU 2022. Eis todo o que precisas saber sobre os horarios, protocolos e modelos de exame.
  1. As sedes
  2. Alumnado con necesidades especiais
  3. Formato e duración dos exames
  4. Calendario e horarios dos exames
  5. Protocolo
  6. Material obrigatorio a presentar
  7. Dicionario, caderno, calculadora... Que podo levar?

As probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) reunirán na Galiza, entre esta terza e a quinta feira, un total de 12.661 alumnos e alumnas, isto é, 300 estudantes menos que na convocatoria de xuño do ano pasado, segundo datos da Comisión Interuninversitaria da Galiza (CIUG).

Os 12.661 matriculados divídense en 11.047 estudantes que acudirán á convocatoria ordinaria completa, é dicir, materias troncais, e 1.613 que unicamente se presentarán á fase voluntaria para subir a nota que obtiveron noutra convocatoria.

As sedes

A desagregación da cantidade de alumnos matriculados para a convocatoria de xuño determina que os campus máis frecuentados serán os da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo con, aproximadamente, 2.700 estudantes cada un. Os campus restantes —Lugo, Ourense e Pontevedra— oscilan entre os 1.000 e os 1.300 convocados, mentres que Ferrol fecha a lista, con 750 alumnos matriculados.

As comisións onde decorrerán os exames viron reducido o seu número de 43 a 36, grazas á mellora da situación sociosanitaria. A maioría das comisións situaranse en facultades e escolas universitarias, excepto tres periféricas situadas en Cee, Viveiro e A Rúa. Estas delegacións situarán a súa sede nos institutos habituais da comarca e rexeranse polas mesmas normas xerais que no resto das comisións.

Alumnado con necesidades especiais

Os estudantes con necesidades especiais ou con diversidade funcional poderán realizar os seus exames na comisión delegada no Centro de Recursos Educativos da Once en Pontevedra ou nos centros asignados en cada campus. Este alumnado deberá solicitar ante a CIUG realizar as probas con adaptacións concretas como axudas técnicas, lectura fácil ou acudir cun acompañante.

Formato e duración dos exames

Pola súa parte, a formulación dos exames manterá o 'modelo Covid' dos dous últimos anos. Este formato consiste nunha proba de dez preguntas na que o alumnado terá que responder o máximo número de cuestións indicadas no exame. A duración da proba de cada materia estará estipulada en 90 minutos.

Calendario e horarios dos exames

Os horarios das probas serán iguais a respecto dos pasados anos de pandemia. Así, a primeira xornada iniciarase esta terza feira ás 9 horas, coa presentación, para que ás 10 comece o exame de Historia de España. Este día inaugural continuará con Lingua Castelá e Literatura (12 horas), Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Fundamentos da arte (15.30 horas) e finalizará ás 17.30 horas cos exames de Economía da empresa e Deseño.

A cuarta feira será o día con maior cantidade de probas, con Lingua Galega e Literatura (9 horas), Primeira Lingua Estranxeira (11), Matemáticas e Latín (13), Debuxo Técnico, Artes Escénicas e Segunda Lingua Estranxeira (16) e as probas de Química e Grego darán por finalizada a segunda xornada ás 18 horas. Cada estudante examinarase dun máximo de cinco materias esta xornada.

A convocatoria ordinaria finalizará na quinta feira con Bioloxía e Historia da arte (9 horas), Física, Xeografía e Cultura Audiovisual (11) e as últimas probas corresponden ás materias de Xeoloxía e Historia da Filosofía, ás 13 horas.

Protocolo

A principal novidade desta convocatoria é que os alumnos e alumnas cunha materia suspensa ao acabar 2º de Bacharelato poderán presentarse á ABAU se o claustro así o acordou, sempre que se cumprisen determinados requisitos.

Esta medida só se aplica se o profesorado cre que o alumno logrou os obxectivos adecuados; que non existe unha inasistencia continuada e non xustificada; que se presentou ás probas e realizase as actividades necesarias para a súa avaliación, e que a media aritmética das notas en todas as materias é igual ou superior a cinco.

A máscara, opcional

Noutra orde, o protocolo presenta dúas innovacións respecto ao ano pasado. Así, as máscaras non serán de uso obrigatorio como nas dúas últimas convocatorias. Superada a fase aguda da pandemia, agora será decisión do alumnado e do persoal que colabora coas probas acudir aos exames de acceso á universidade coa máscara.

Capacidade das aulas e espazo entre estudantes

O outro cambio estará centrado na distribución dos estudantes nas aulas dispoñíbeis para realizar as probas. Tanto en 2020 como en 2021, os participantes dos exames debían deixar tres espazos entre eles e o seguinte compañeiro, polo que a ocupación máxima era de 25% e, ademais, non podía superar os 50 alumnos por aula.

En 2022 o espazo entre alumnos reducirase a un asento, o que implica que as aulas serán aproveitadas na metade da súa capacidade total, sen límite de matriculados. Por outra banda, os vixiantes distribuiranse da mesma maneira: un vogal para aulas con menos de 40 alumnos e dous para as clases que superen este número.

Positivo por Covid-19

En caso de alumnado illado por coronavirus de forma voluntaria, se o estudante pode acreditalo mEdicamente, poderá aprazar as probas A xullo, pero será considerado, para efectos de acceso ao Sistema Universitario Galego (SUG), como alumnado da convocatoria ordinaria.

Por outra parte, se o estudante mostra síntomas durante a proba, será levado a unha sala ou aula onde estará acompañado por un representante do seu centro de estudos, ambos os dous con máscara cirúrxica e distancia interpersoal de seguridade. Se a persoa sintomática estivese legalmente exenta do uso de máscara, o representante do centro utilizará unha maior protección —pantalla facial sobre máscara cirúrxica FFP2—.

Material obrigatorio a presentar

Os materiais obrigatorios, como nas últimas convocatorias, son os seguintes: etiquetas dos diferentes exames, documento de identificación (DNI, pasaporte, permiso de residencia, etc.), resgardo de matrícula e xustificante de pagamento, bolígrafo ou pluma de tinta indelébel de cor azul ou negra. Aliás, tamén poderán levar, de forma voluntaria, xel desinfectante, panos de usar e tirar e bebida, que debe ser auga ou refresco en botellas transparentes sen etiquetar.

Dicionario, caderno, calculadora... Que podo levar?

Alén dos materiais anteriormente mencionados, o alumnado poderá acudir a algunhas probas co seguinte instrumental específico: Dicionario latín/español ou galego para exame de Latín II, con apéndice gramatical, pero sen páxinas de contidos literarios; Dicionario de grego/español ou galego para Grego II con apéndice gramatical. Mais non estará permitido nin cadernos soltos nin ningún dicionario que non sexa orixinal.

Si estará permitido material de debuxo e pintura para Debuxo Técnico II e Deseño, e calculadora, sen capacidade de programación e capacidade gráfica, para Matemáticas II, Matemáticas aplicadas ás ciencias sociais, Física, Química e Economía de empresa.