Opinión

Cuñados: orgullo de galegofalantes

Cantas ledicias nos dá o cine galego! Pola calidade, os premios acadados, por exemplo por Nación, de Margarita Ledo, O que arde, de Oliver Laxe, Ons de Alfonso Zarauza, A illa das mentiras, de Paula Cons; por facernos gozar ás amantes do cine. Gózase de moitas formas, cun drama, cun filme histórico que remove conciencias. No caso de Cuñados, de Toño López, escachei a rir durante boa parte da película. Rir é terapéutico, sobre todo en tempos de pandemia e incerteza. O humor fainos máis humanas. Como ocorre coa literatura en galego, a música e outras artes, eu creo que é necesario ampliar o público do cine galego, atraer a cantas máis persoas sexa posíbel. Necesitamos filmes dos chamados de arte e ensaio, e comedias. O costento camiño da normalización da lingua será máis doado se persoas con distintos intereses, con fines diferentes á hora de ir ao cine, teñen onde escoller. A comedia de Cuñados é divertida e ademais bo cine, as actrices e, neste caso, os actores que levan o peso da película, o grande Miguel de Lira, Touriñán, Federico Pérez Rey están iluminados. Segundo o director, algunhas das ideas e situacións foron propostas por eles: un traballo colectivo no que transpira que gozaron rodando.

Quería chamar a atención sobre as nenas, as pequenas actrices de Cuñados, Antía, filla de Touriñán e Moraima, sobriña (de sangue ou de afectos) de Miguel de Lira. Nenas galegofalantes, nótase ben. Nestes días fíxose viral un vídeo no que Moraima ten unha conversa con Siri a través da tableta. A nena, pacientemente, atende a Siri, repetindo en galego o que a asistente virtual di en castelán: “estou aquí para axudarte”, “puedo ayudarte en algo más?” pregunta Siri, ao que Moraima responde, con toda lóxica: “pois... si, en recoller as cousas”, facendo un aceno en dirección a mochila, xoguetes e roupa estrados polo chan. “Creo que no te entiendo”, di Siri, e Moraima, “Porque eu falo en galego, sabes Siri?” Galegofalante consciente de que lingua fala, de que é diferente da da máquina. Nun intre de perigo tanto da transmisión do galego, como da preservación polas nenas e nenos que reciben o galego na casa e corren risco de perdelo na escola –na meirande parte dos casos non polas mestras, senón polas outras crianzas–, o de Moraima e Antía é un exemplo a seguir. E mostra por que demandamos asistentes virtuais e produtos informáticos en galego. Porque, sabes Siri? Eu falo galego e quero seguir falándoo.

Comentarios