Unha andaina entre Palas de Rei e Santiso di 'non' a Altri e ao seu "xigante industrial sedento de auga"

Un momento da andaina. (Foto: Nós Diario)
Perto de 400 persoas convocadas polo colectivo Santiso Vivo da Plataforma Ulloa Viva participaron este domingo nunha andaina reivindicativa que percorreu os cinco quilómetros que separan a Finca de Quintas (Palas de Rei, A Ulloa), onde Altri quere construír unha macrocelulosa, e a área recreativa da Cornella (Santiso, Terra de Melide).

A andaina percorreu parte do trazado no que a pasteira lusa proxecta instalar 12,5 quilómetros de tubaxes para a captación duns 46 millóns de litros de auga diaria do encoro de Portodemouros.

Segundo explicou Serxio Núñez a Nós Diario, este paseo pola beira do río Ulla foi o primeiro dos actos dunha xornada de "valoración do territorio" que continuou pola tarde cunha charla informativa no local O noso lar, en Visantoña, Santiso.

O paseo, que a maior parte das participantes fixeron a pé, aínda que tamén houbo quen se atreveu a facelo en bicicleta, serviu para poñer en valor a contorna. "O que fixemos foi colocar a cada pouco uns paneis informativos destacando mensaxes positivas sobre a riqueza natural e ambiental que nos rodea".

O valor do territorio

Veciños e veciñas de todas as idades e todos os concellos das comarcas da Ulloa, Deza, Terra de Melide e Arzúa cubriron o percorrido desta andaina en pouco máis dunha hora. Polo camiño lembraron a importancia do Ulla como río salmoneiro, a presenza do desmán nas súas ribeiras, unha toupa de río protexida por proxecto europeo ou a calidade do solo sobre o que se quere asentar Altri, que permite o crecemento de flora endémica como a Santolina melidensis .

O Ulla, que ademais, fornece auga a 11 concellos ata a ría de Arousa, centrou boa parte desta andaina que rematou cunha cadea humana simbólica arredor do río, simbolizando a protección que lle brinda a veciñanza, ao berro de "A auga é nosa e non da celulosa. Altri non".

Aos veciños e veciñas participantes nesta iniciativa, sumáronse o alcalde de Santiso, Manuel Adán; o alcalde de Melide, Xosé Manuel Pérez; o de Vila de Cruces, Luís Taboada; o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; o rexedor de Agolada, Luís Calvo; o alcalde de Toques, José Ángel Penas, ademais de representantes das corporacións municipais de Antas de Ulla e Touro.

Alcaldes das comarcas da Ulloa, Arzúa, Deza e Terra de Melide.

Consecuencias para a saúde

Á súa chegada á área recreativa da Cornella as camiñantes desfrutaron de chocolate, churros e música nun encontro festivo no que tomaron a palabra dous representantes das comunidades locais para dar conta do estudo de impacto ambiental da planta proxectada por Altri e amosar o seu rexeitamento ao "xigante industrial sedento de auga".

A médica de familia no centro de saúde de Santiso, Sara Castro, recalcou aos presentes a importancia de "seguir unidos e loitar para parar este proxecto" ademais de analizar os datos do proxecto publicados por Altri no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 4 de marzo.

Temos que romper os cornos para entender e facer entender o que a propia empresa di, que o que por por escrito difire moito do que di a viva voz

Os datos, dixo, "son vagos e coinciden sospeitosamente cos límites máximos estabelecidos ao respecto pola Xunta da Galiza". Coma médica, destacou a preocupación "polo risco dos vertidos con nitratos, nitróxeno e fósforo a altas temperaturas". Segundo explicou Castro, isto provocará a creación de microcistinas na auga, prexudiciais para a saúde a curto e longo  prazop "podendo provocar mareos e vómitos" e "danos hepáticos e neurolóxicos".

Pola súa parte, o director do Museo Terra de Melide, Xosé Manuel Broz, advertiu de que "nos queren roubar a terra e o río". "Este pobo xa loitou contra a invasión dos franceses e a historia sempre se repite. Estamos diante doutra invasión estranxeira axudada por traidores á terra".

Acto informativo

É o sentir colectivo da veciñanza, asevera Serxio Núñez, que acompañou tamén na sesión de tarde a Miguel Leiva, veciño de Chorén (Santiso); Obdulia Lareo, da plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino Non; Xosé Manuel Golpe, consultor enerxético e deputado do BNG, e mais o alcalde de Santiso nun acto informativo que se prestou, tamén á recollida de alegacións.

O DOG está a ser a súa única fonte de información, xa que a Administración responsábel, a Xunta, "non está disposta a dar ningún tipo de explicacións". Son as entidades locais as que se están a organizar para somerxerse no estudo de impacto ambiental, "complicadísimo", e ofrecer información. "Temos que romper os cornos para entender e facer entender o que a propia empresa di, que o que pon por escrito difire moito do que di a viva voz".

Cadea humana simbólica ás beiras do Ulla expresión da protección da veciñanza fronte a Altri.

A poboación da Ulloa e da súa contorna está moi apegada ao seu territorio "e quere información para ter un criterio". E canso máis sabe do proxecto industrial máis segura está de non o querer aquí.

Núñez destaca o impacto no encoro de Portodemouros, que se pode pola retirada de 46 millóns de litros de auga diarios e pola devolución dous quilómetros arriba río Ulla de 30 millóns de litros de auga contaminada. "Contaminada con fosfatos, fósforo total, nitratos e a 27 graos".

Altri recoñece no papel a presenza de óxido de xofre, "polo que vai haber chuvia ácida, o que aquí se coñece como a peste, moi lesiva para o sector agrogandeiro e que ninguén quere, porque estamos nun territorio onde a Denominación de Orixe Protexida Arzúa Ulloa é a máis grande do país de queixos e a segunda máis grande do Estado español".

Serxio Núñez tamén apunta a máis que probábel competencia entre o sector agrícola e forestal polos solos "malia que a promotora da macrocelulosa afirme que non vai facer falta máis monocultivo de eucalipto cando ao mesmo tempo di que vai precisar tanta ou máis que a que ten Ence".