O modelo flexíbel de selectividade chega "tarde", segundo o alumnado

Alumnado de 2º de Bacharelato realizando as probas de acceso á universidade (Imaxe: Universidade de Granada-Europa Press)

O alumnado de 2º de Bacharelato respira máis tranquilo unha vez comunicada a dinámica das probas de selectividade que terán lugar no mes de xullo. A publicación, critican, foi tardía. O modelo, con máis opcións, busca minimizar o impacto da fenda social entre as familias tras a suspensión das clases presenciais. 

Barbara Guillén e Aarón Vilariño estudan 2º de Bacharelato, ela en Sada, el en Compostela. A publicación dos modelos das probas da selectividade, as probas ABAU, que a Comisión Interuniversitaria de Galiza (CIUG) publicou esta semana, supuxo un "alivio" para ambas e mais as súas compañeiras de curso. A convocatoria, na súa modalidade ordinaria, decorrerá entre o 8 e o 10 de xullo. 

"Sacáronse tarde, mais agora que coñecemos os tipos de exame estamos máis tranquilos", conta por teléfono o compostelán Aarón Vilariño, partillando o sentir dos seus compañeiros e compañeiras. "Penso que deixan moita flexibilidade e que se están a adaptar bastante ben", engade Barbara Guillén en conversa telemática desde Sada.

Denís Iglesias, docente de Lingua Castelá e Literatura nun instituto de Moaña, expón que as materias técnicas preocupan especialmente ao alumnado. "Aquelas como Matemáticas, Química ou Física que requiren de máis explicacións do profesorado para resolver os exercicios", abunda.

"En 2º de Bacharelato temos a problemática de que a media da avaliación afecta moito á entrada na universidade", apunta Iglesias, matizando que no seu caso optou por mesturar videoconferencias individualizadas, test de lectura e traballos para que o alumnado coa materia suspensa puidese recuperala e permitir que o resto sumase puntos á súa nota media. "Para o profesorado é moitísimo traballo", salienta. 

Empatizar co alumnado

As condicións materiais do alumnado difiren, salienta este docente, de aí que o profesorado traballe "empatizando" coa situación de cada quen nesta circunstancia extraordinaria. "Temos a sorte de ter unha equipa directiva moi boa que repartiu ordenadores entre o alumnado e xunto co Concello facilitou tarxetas módem para que se conecten á rede", conta.

Precisamente a flexibilización que caracterizará as ABAU en 2020 naceu para mitigar o impacto desa fenda social entre o  estudantado. "Eu podo conectarme sen problema, mais falei co director do meu centro e explicoume que a Xunta non achegara os ordenadores suficientes para quen os precisaba, o instituto tivo que poñer cartos", comparte Aarón Vilariño.

En marzo, a Xunta da Galiza calculou que arredor de 40.000 alumnas e alumnos seguían as aulas en liña, a metade do total. En abril, unha enquisa realizada pola Confederación Galega de ANPA entre 6.200 familias determinou que un terzo carecía da conexión axeitada para a formación virtual.

Ás dificultades da conexión súmase a diversidade de adaptacións do profesorado a un ensino virtual. "No meu instituto, houbo unha profesora que empezou a dar clases a semana seguinte de que se fechasen os centros, mentres que outros non o fixeron até despois de Semana Santa", conta Bárbara Guillén. "Como sempre, hai profesorado que se adapta e é accesíbel e outro que non", resume Aarón Vilariño.

Unha vez superada a incerteza do modelo de exame e dos criterios de avaliación deste curso, fica por determinar o posíbel regreso aos centros baixo determinadas condicións previsto no plan de desescalada. "Até hai uns días o calendario sobre o 20 de maio para ter 15 días de repaso para as probas, agora sabemos que se estenden as clases dez días máis para a avaliación e continuaremos con actividades de reforzo", explica Denís Iglesias.

A Xunta non substitúe as baixas docentes

Ademais das dificultades de adaptar o ensino a unha contorna virtual, esta semana a Central Unitaria de Traballadoras (CUT) engadiu que a Consellaría de Educación deixou de cubrir as baixas do profesorado desde Semana Santa. Estas, apunta a central sindical, limítanse ás vacantes consideradas "esenciais". 

O sindicato denuncia a "sobrecarga laboral" para as compañeiras das docentes de baixa. Así, reclamou a cobertura "total" de todas as vacantes.