Social

Incerteza na Galiza pola apertura de centros: a comunidade educativa pide concreción ao Estado

Alumnas nun centro escolar (Xunta).

A Xunta reclama "directrices concretas" do Goberno español, as docentes lembran que a escola "non pode ser nunca un medio asistencial para suplir o déficit do mundo laboral" e as nais e pais advirten dos problemas de conciliación.

As medidas de conciliación que expón o plan de desescalada do Goberno español deixaron numerosas incógnitas nas institucións e na comunidade educativa da Galiza, ante a falta de criterios e parámetros que permitan asegurar a apertura de centros para menores e, ao mesmo, tempo garantir as condicións sanitarias axeitadas.

O plan contempla na súa segunda fase a apertura de centros e escolas de infantil para familias con fillas e fillos menores de seis anos que acrediten que as nais e pais teñen que realizar un traballo presencial sen posibilidade de flexibilización.

O Ministro de Sanidade, Salvador Illa, matizou o alcance do documento esta cuarta feira e asegurou que o Goberno terá en conta "na medida do posíbel" os mecanismos que faciliten a conciliación de nais e pais con fillas en Primaria e nos primeiros cursos de Secundaria.

As alumnas de 4º de ESO, 2º de Bacharelato, 2º de FP de grao Medio e Superior e último ano de ensinos de réxime especial, poderán volver a clase con carácter voluntario, tamén na fase dúas, con división dos grupos de máis de 15 estudantes ao 50%, unha medida que se tomará tendo en conta a proximidade das probas de selectividade.

No entanto, as medidas anunciadas manteñen a incógnita sobre as circunstancias concretas que obriguen a un centro a abrir, o cociente de alumno por aula específica para garantir a seguridade ou o papel das escolas infantís privadas.

Falla de criterios

O Goberno galego xa censurou a falla de diálogo previo para traballar no documento. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, advertiu das "lagoas" que presenta o plan e avanzou que se pedirá unha aclaración sobre "ese concepto difuso e confuso que é a apertura das gardarías", reprochando que o criterio do Goberno do Estado sexa "se os pais teñen traballo ou non".

Tamén explicou que, antes de formular a súa postura, o Executivo galego "validará" cos expertos clínicos do Sergas que risco poden ter as nenas se volven aos centros.

Fontes da Consellaría de Educación trasladaron a Europa Press que esperan a unha convocatoria do Ministerio do ramo para aclarar "as directrices concretas" nas que levará a cabo esta reapertura.

"Consideramos prioritario que se fixen uns criterios obxectivos e uns parámetros claros para evitar agravios comparativos entre o alumnado", engaden, sobre todo tendo en conta ás estudantes que afrontan as probas da ABAU.

Esta situación repítese na rede pública de gardarías. A Consellaría de Política Social pide "prudencia" e espera unha explicación por parte do Goberno estatal para saber "exactamente" o alcance da medida, máis aló do anuncio de Pedro Sánchez.

"Nulo avance"

As asociacións de pais de centros públicos trasladaron a súa preocupación polos últimos pasos do Executivo estatal. Desde Confapa-Galicia, Rogelio Carballo advertiu de que o problema da conciliación é "unha auténtica lagoa" en toda a actuación das institucións e que deixa no esquecemento ao alumnado maior de seis anos, "que non está contemplado en ningún sitio".

Estas familias tamén "necesitan unha alternativa" para conciliar, lembrou, e nin poden "soportar esta situación permanente". Por iso, reclamou que se concreten estas medidas, que exista unha planificación "cun mínimo de tempo" e que se tomen as decisións "a pé de rúa e non a pé de moqueta".

Fernando Lacaci, de Anpas Galegas, mostrouse "sorprendido" do "nulo avance que isto representa por parte dun Goberno que se di progresista", e censurou que "se escolarice" aos pequenos "por necesidade de que os pais estean libres para producir e ser obreiros ao servizo da patria".

"Está a pórse o acento onde non se debe, da maneira máis retrógrada posíbel", insistiu, para advertir de que a conciliación é "un problema sistemático" e que no retorno ás aulas debe considerarse a opinión dos expertos e as condicións sanitarias.

"Aparcadoiro de nenas"

As profesoras, pola súa banda, alertaron da sobrecarga que lles espera nos próximas meses e da falta de garantías das medidas anunciadas. Suso Bermello, de CIG-Ensino, considerou que a escola "non pode ser nunca un medio asistencial para suplir o déficit do mundo laboral", unha mensaxe "totalmente negativa".

Bermello insistiu en que estas medidas necesitan criterios "moi meticulosos", sobre todo naqueles casos de colexios con centos de alumnas e a problemática de controlar o contacto entre elas ou a organización de quendas, pola falla de medios. "Están a darse paus de cego", sinalou, aínda que agradeceu esta posibilidade para o alumnado que se presentará á ABAU.

Desde ANPE, pola súa banda, criticaron á situación e rexeitaron "o labor de gardaría" que pretende inculcarlles o Goberno español, advertindo de que os centros non son un "aparcadoiro de nenas".