Laura Arias, de #Opos2021XustasParaTodxs

Unha plataforma para defender os dereitos das futuras opositoras

EuropaPress_1988943_examenes_concurso-oposicion_celador_sergas_xunta_galicia
Coa mirada posta na mesa sectorial convocada para mañá pola Xunta na que se definirá o aprazamento das oposicións educativas, a plataforma #Opos2021XustasParaTodxs segue sumando apoios na súa reivindicación dunha única convocatoria que sume as prazas previstas para este concurso e o que vén, e que dea ás aspirantes que rematan este curso os seus mestrados, cursos e graos, a posibilidade de se presentar. O colectivo xa rebasa o millar de integrantes. 

Laura Arias, estudante do mestrado en linguas estranxeiras na Universidade da Coruña e membro da plataforma, é unha das centenas de aspirantes prexudicadas polos efectos que o confinamento está a ter na súa formación e nas oposicións educativas para as que se está a preparar. Como a maioría do alumnado na súa situación, espera obter o seu título a finais de xullo, coa previsión de poder presentarse ás oposicións do ano que vén, que, por mor da crise sanitaria derivada do coronavirus, realizaranse en conxunto coas que correspondían a este 2020.

"Se a Consellaría de Educación abre a inscrición en canto se desactive o estado de alarma, como parece que quere facer, deixaranos fóra e teríamos que agardar ao concurso de 2022, se é que se convoca", sinala a aspirante, que apunta que, de abrirse a matrícula no prazo que lle correspondería, é dicir, en marzo do ano que vén, o estudantado na súa situación si podería concursar. 

O colectivo, que congrega estudantes dos mestrados de Secundaria, do curso de Profesorado Técnico de FP e dos graos de Maxisterio Infantil e Primaria de toda Galiza, reclama unha única convocatoria de oposicións para o ano 2021, na que se inclúan tanto as prazas de 2020 como as que sairían na seguinte convocatoria.

“Hai que ter en conta que este ano tamén se vai xubilar persoal, van facer falta máis prazas e, ao facelo sen terse en conta esta circunstancia, eliminaríanse prazas que habería que convocar", observa Arias.

No caso do seu mestrado, o confinamento interrompeu o período de prácticas, que ela realizaba no ES Alfredo Brañas de Carballo. Se ben ela puido completar nas primeiras semanas as horas mínimas que se lles exixen, outras compañeiras están en situación diferente, e terán que realizar un traballo extra para cubrir a parte práctica. A presentación do seu traballo fin de mestrado realizarase, ademais, de maneira telemática, "cos matices e dificultades engadidas que pode ter este sistema", apunta.

Nesta situación, o colectivo #Opos2021XustasParaTodxs alerta da "vulnerabilidade" na que quedarían as futuras opositoras no caso de que a inscrición do proceso adiado a 2021 se realice uha vez se levante o estado de alarma, xa que lles impediría computar o tempo traballado coa condición de interinidade o vindeiro curso 2020/2021 e tamén acreditar outros méritos que puideran obter ata o ano que ven. 

"Os certificados da Escola de Idiomas, por exemplo, obtéñense en xuño, polo que non poderiamos acreditalos. Ademais, os cursos que queiramos presentar teñen que ter unha data anterior áo prazo de inscrición, de maneira que teriamos que ter esas certificacións antes do peche do estado de alarma”, expón Arias. "A maioría estivemos até agora estudando, non puidemos axuntar méritos", lamenta.

Segundo entende a plataforma, esa situación sería para o conxunto de aspirantes que rematan a formación neste curso "un agravio comparativo fronte a quen xa ten puntuación máxima”. 

Ademais, alerta dunha dificultade engadida, como é ter que adiantar o custo das taxas aos meses vindeiros, "nun momento -derivado da crise sanitaria e o parón da actividade- economicamente díficil para a sociedade".