Familias de alumnado con NEAE denuncian que a atención educativa no confinamento dificulta a aprendizaxe

Manifestación na Coruña para reclamar "Dereitos, non parches" (crtvg).
A plataforma Dereitos, Non Parches promoveu unha enquisa para coñecer a situación do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) escolarizado en centros ordinarios galegos, á que responderon máis de duascentas familias. Os resultados reflicten a "insatisfacción xeralizada" coas medidas educativas adoptadas e un empeoramento da atención neste período.

O cuestionario, que se distribuíu na última semana nas redes sociais da plataforma, cos colaboración na difusión de asociacións como Dismacor, Agadix ou Teavi, amosa a conclusión xeralizada de que atención que se está recibindo nestes casos non é a que se precisa para que o alumnado progrese na súa aprendizaxe, con 64% das respostas nese sentido.

O movemento recolle tamén unha "enorme variabilidade" entre os mecanismos de atención a este alumnado, variabiliade que a plataforma atribúe á falta de instrucións concretas por parte da Consellería de Educación.

Segundo esta sondaxe, a comunicación entre os centros e as familias para facer un seguimento do traballo é unha das áreas que se percibe como máis deficiente. Así, 43% das familias declaran non estar mantendo ningunha comunicación individualizada e regular co centro educativo para este fin, o que representa máis do duplo (18,9%) das que non a tiñan antes do estado de alarma.

Ademais, case tres cuartas partes das familias participantes (72,8%) non recibiron até o momento orientación para o acompañamento emocional ou social deste alumnado, áreas que poden resultar determinantes tanto para o seu benestar como para o progreso académico.

O inquérito revela ademais que o sistema de ensino adoptado afecta ao traballo propiamente académicos: 70% das familias  afirma estar realizando na casa adaptacións ao material que recibe para adecualo ás características do seu fillo ou filla e máis do 40% non está recibindo material ou indicacións específicas para traballar na casa do profesorado especialista en pedagoxía terapéutica ou audición e linguaxe.

Para a plafaforma Dereitos, Non Parches, estes resultados --coa limitación propia deste tipo de ferramentas-- deben considerarse como un sinal de alerta xa que todas estas carencias "repercuten moi negativamente nas oportunidades de aprendizaxe dun alumnado que xa viña sufrindo a falta de recursos e de atención axeitada".

As familias integrantes na plataforma recoñecen a excepcionalidade da situación e as limitacións de atención que provocou a alerta sanitaria e agradecen "o labor daquel profesorado que, cos seus propios medios e en diversidade de circunstancias persoais, está facendo o posíbel para que o alumnado máis vulnerábel non se coloque nunha situación de desvantaxe educativa".

"Cómpre que a Consellería de Educación proporcione directrices comúns de actuación para que os equipos docentes saiban como proceder e que supervise o seu cumprimento, de tal maneira que os dereitos educativos deste colectivo estean garantidos tamén neste momento e non dependan, unha vez máis, da boa vontade de cada docente", reclaman, e chaman á adopción de  mecanismos que permitan unha avaliación inmediata, sistemática e rigorosa da atención que o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo está a recibir mediante o ensino a distancia.

Como tamén fan notar desde o colectivo, parte deste alumnado pode verse afectado ademais por limitación tecnolóxicas para acceder aos recursos, que supoñen novas barreiras para o acceso ao coñecemento. 

Demandas para mellorar a atención do alumnado con NEAE

A plataforma de familias Dereitos, Non Parches, xurdida a principio de curso para denunciar os recortes en personal de atención á diversidade, considera preciso adoptar, entre outras medidas, un reforzo dos equipos -docentes de apoio, especialistas, orientadores e tamén equipos de orientación específica- e aplicar melloras nas condicións do ensino, que van desde baixar as ratios, reducir as horas de docencia para permitir a coordinación e preparación dos materiais, "para evitar que a emerxencia sanitaria penalice aínda máis a un alumnado que aínda non tiña garantida a súa igualdade de oportunidades educativas".

"Tendo en conta que a Consellaría de Educación vén facendo da atención á diversidade unha liña de propaganda constante   é necesario que as medidas adoptadas nun momento como este e no futuro demostren ese compromiso con este alumnado", reclaman á Xunta.