Alertan do paso de maquinaria nun areal onde aniña a píllara das dunas

Imaxe do paso de maquinaria pola praia de Camposancos o pasado domingo, na Guarda, espazo de nidificación da píllara das dunas (Imaxe: Anabam).
A asociación Anabam trasladou os feitos, detectados o pasado domingo nun areal do concello da Guarda, á Dirección Xeral de Patrimonio Natural. A píllara das dunas é unha especie ameazada na Galiza.

A píllara das dunas, ou píllara papuda, é unha das aves máis ameazadas dos areais galegos. O seu período de reprodución esténdese desde o mes de marzo até xuño. Por iso, cando a asociación Anabam constatou o uso de maquinaria nunha praia do concello da Guarda, único espazo de reprodución da ave no Baixo Miño, decidiu trasladar os feitos á Dirección Xeral de Patrimonio Natral.

"No caso particular que nos ocupa, a nosa preocupación ven pola inxustificada limpeza da praia de Camposancos en pleno período reprodutor da píllara cando o conxunto da poboación atópase confinada nos fogares", explica a Nós Diario o colectivo ecoloxista a través dun comunicado.

A súa sorpresa por este feito foi maior en tanto que o areal de Camposancos "é dos poucos que se limpa de xeito manual desde hai anos". Anabam matiza que na praia si entra maquinaria para retirar materiais acumulados, como contempla o propio plan de recuperación da píllara. "Mais esta introducirase exclusivamente na baixamar e na franxa máis próxima á marea", apuntan, salientando que as marcas de rodas na praia demostran o incumprimento deste plan.

Así, denuncian, puxéronse en perigo os posíbeis niños de píllara que puideran estar distribuídos pola praia da Guarda. "Semella que non se realizou ningunha inspección para identificar os puntos de nidificación da especie, necesarios antes de actuar sobre o areal.

A propia Dirección Xeral de Patrimonio Natural destinou axentes do servizo de conservación da natureza para recabar información sobre o terreo, logo do cal comunicou ao colectivo ecoloxista que non se tiña coñecemento da actuación denunciada. "Polo tanto, temos a certeza de que o organismo responsábel da actuación non pediu nin atorización nin o informe sobre o estado da especial no areal", afirman desde Anabam.

O colectivo engade que polo momento se descoñece a entidade responsábel dos feitos. "Unha vez esclarecido, tomaranse as medidas oportunas", trasladan.